Ponteatro regresa entre o 20 de febreiro e o 3 de abril con 6 propostas arriscadas de teatro, danza, humor, xénero musical e monicreques para público adulto.

Nesta edición, cabe destacar o diálogo entre xéneros teatrais e entre compañías galegas e de fóra do país.

Ron Lalá, Redrum, El espejo negro, Ibuprofeno Teatro, a compañía de danza Fran Sieira e a agrupación teatral do IES Illa de Ons de Bueu subirán as táboas do Teatro Principal e o Pazo da Cultura nos próximos meses.

Todos os espectáculos terán lugar os xoves ás 21h. a excepción de ‘Miserábeis’ que, ao formar parte do programa do Salón do Libro, terá lugar ás 19h. do venres 28 de marzo a un prezo de 3€.

As restantes propostas contarán co prezo habitual de 8€ e reducido de 4€ para persoas estudantes, desempregadas e maiores de 65 anos.

Xa está activa a venda en Ataquilla.com tamén do formato abono que oferta o total dos 6 espectáculos a un prezo de 26€+ gastos

O concelleriro de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá unha nova tempada de Ponteatro que aechegará 6 espectáculos arriscados que combinan diversas artes escénicas e xéneros teatrais entre o 20 de febreiro e o 3 de abril

“Temos unha programación que queremos que sexa realmente innovadora e arriscada porque nela van dialogar algunha das mellores pezas do teatro galego que podíamos traer con algunhas que traemos de fóra de Galiza. Comezamos no mes de febreiro con Ron Lalá que son unha compañía que fai humor, teatro e música por esa orde de importancia. Quen queira asistir a esta sesión, vai disfrutar sobre todo de humor nun teatro no que os actores tamén son músicos. Esta peza dialoga coa galega ‘#2Pilgrims’ de Redrum Teatro que é unha reflexión sobre temas moi actuáis: feminismo, novas masculinidades, etc. a partir da experiencia de dous actores que están en horas baixas e pensan que, a partir das posibilidades que ofrece o Camiño de Santiago, poden volver a lanzar a súa carreira. Un diálogo que non afecta só a que sexan pezas diferentes senón que son xéneros diferentes: unha peza de comedia con unha que ten máis que ver co drama ou a reflexión.

En marzo temos tamén ese diálogo pero cambiamos as tornas. Comenzamos con ‘El verdugo’ de El Espejo Mágico que é unha obra multipremiada, unha traxicomedia que versiona ‘El verdugo’ de Berlanga. O aspecto arriscado aquí é que traemos para público adulto unha peza de monicreques. A peza galega coa que dialoga é unha estrea recente, ‘Reconversión’ de Ibuprofeno Teatro, unha obra que sabemos que os e as afeccionadas ao teatro tiñan moita gana de ver aquí en Pontevedra. Neste caso dámoslle a volta porque onde hai música é na peza galega, na que hai toda unha reflexión a través do teatro, do que foi o franquismo nos anos 40 ata o Felipismo dos 80, vista a través dos ollos dos traballadores e traballadoras que padeceron a reconversión industrial.

E aínda arrsicamos moitísimo máis cara o final de Ponteatro porque levamos o 28 de marzo ao Pazo da Cultura ‘Miserábeis’, unha peza que quixemos traer ao programa de teatro profesional de Pontevedra malia que é unha obra que leva nas taboas á alumado e profesorado do IES Illa de Ons de Bueu. Participa prácticamente toda a comunicade educativa e relaciónase con todas as demais obras polo feito de que aquí temos unha revisión da obra de Victor Hugo, traída a un ambiente máis galego e reflexionando sobre temas de moitísimo interese para a mocidade de hoxe en día.

E rematamos Ponteatro no mes de abril cunha peza de artes escénicas que non é teatro, ‘Ceibe’ de Fran Sieira, na que recuperamos a reflexión sobre o xénero, confrontado coa tradición galega, neste caso coa danza tradicional. Temos un diálogo entre a danza contemporánea e a danza tradicional, nun espectáculo de recente estrea que ten moi boas críticas e pensamos que era un bo momento de ampliar o abano do que adoitamos traer en Ponteatro. Unha programación arriscada, un diálogo entre xéneros teatrais e e entre compañías galegas e de fóra do noso país”

Xoves 20 de febreiro ás 21.00 h no Teatro Principal ‘4 x 4’ – Ron Lalá

Unha viaxe ás catro primeiras obras de Ron Lalá. Un percorrido polas escenas esenciais dos espectáculos que a consolidaron como unha das compañías máis premiadas e aclamadas pola crítica e público: “Mi misterio del interior”, “Mundo y final”,

“Time al tiempo” e “Siglo de Oro, siglo de ahora”. Unha ruta teatral e musical, co desafío de revivir as catro propostas e dar conta da evolución creativa e escénica dos “ronlaleiros”. Catro espectáculos nun. Unha festa de humor crítico e cítrico. Ron Lalá en estado puro.

Creación colectiva: Ron Lalá

Dirección: Yayo Cáceres. Elenco: Juan Cañas, Miguel Magdalena, Diego

Morales, Luis Retana e Daniel Rovalher.

Duración: 80 min

Xoves 27 de febreiro ás 21.00 h no Teatro Principal ‘#2Pilgrims’ – Redrum Teatro

Lembrades a Sheyla Fariña e a Guillermo Carbajo? Ela protagonizou a serie Acacias 38, e el foi o neno de Pratos Combinados. Agora as súas carreiras están acabadas. Vivimos

nun mundo caótico e imprevisible pero grazas a globalización, ás redes sociais, a Netflix e a un ditador psicópata, quizáis lles quede unha última oportunidade que retornar a ese firmamento de estrelas da TVG. O Camiño de Santiago, a igualdade e as novas masculinidades serán os temas principais do proxecto #2Pilgrims, unha aventura cativadora que poderá catapultar as súas carreiras á actualidade internacional.

Autoría: Fernando Epelde

Dirección: Álex Sampayo. Elenco: Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo.

Duración: 70 min

Xoves 13 de marzo ás 21.00 h no Pazo da Cultura ‘El Verdugo’ – El Espejo Negro

José Luis, empregado dunha funeraria, proxecta emigrar a Alemaña para converterse en mecánico. A súa noiva é filla de Amadeo, un verdugo profesional. Cando son sorprendidos na intimidade, as circunstancias obríganos a casar. Ante a falta de medios económicos, Amadeo, que está a piques de se xubilar, convence a José Luis para que solicite a praza de verdugo, que el vai deixar vacante, o que lle daría dereito a unha vivenda. José Luis acepta a proposta do seu sogro convencido de que xamais se presentará a ocasión de exercer o oficio…

Multipremiada versión teatral de El Verdugo, de Luis García Berlanga.

Adaptación e dirección: Ángel Calvente. Elenco: José Vera Nicart,

Carlos Cuadros, Laín Calvente e Susana Almahano.

Duración: 90 min

Xoves 20 de marzo ás 21.00 h no Teatro Principal -‘Reconversión’ – Ibuprofeno Teatro

Un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión no sector naval na ría de Vigo. Reconversión é unha viaxe desde a posguerra ata o “Felipismo”dos 80, pasando pola auxe da industria siderúrxica e a evolución desde un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista. Un espectáculo de gran formato para público adulto, con oito actores-músicos que forman unha charanga e interpretan a banda sonora en directo.

Dirección e autoría: Santiago Cortegoso. Elenco: Artur Abad, Cristina Collazo, Santiago Cortegoso, César Goldi, Celia González, DavideGonzález, Fran Lareu e Nani Matos.

Duración: 100 min

Venres 28 de marzo ás 19h.no Pazo da Cultura ‘Miserábeis’ – Compañía do IES Illa de Ons (Bueu) En colaboración co Salón do Libro

Adaptación propia, integramente en galego, a partir dunha revisión contemporánea e feminista da novela do escritor francés Víctor Hugo. A historia, que na súa orixe transcorre na Francia do séc. XIX e das revolucións de 1830, trasládase agora a un ambiente máis galego, con referencias a temas actuais como a loita pola liberdade, a desigualdade social, a coraxe ou a revolución do pobo.

Texto orixinal: Víctor Hugo.
Adaptación: Teté García.
Dirección: Teté García e Diana Vilas.
Elenco: Comunidade educativa do IES Illa de Ons (Bueu).

Duración: 90 min

Xoves 3 de abril ás 21.00 h no Pazo da Cultura ‘Ceibe’ – Fran Sieira, Compañía de Danza

Ceibe afonda na relación entre o xénero e a nosa tradición neste caso o baile tradicional galego. Trátase de entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade. Reflexiona sobre as categorías de xénero e os seus estereotipos, impostos socialmente para establecer distancia coa normatividade e arrastrala cara ás marxes e, desde aí, formular e construír novas formas de entender o corpo e o movemento. Cuestiona as identidades de xénero normativas e hexemónicas para comprender e compartir que o xénero opera sobre todos os corpos.

Dirección: Fran Sieira e Sergio R. Suárez. Elenco: María Montero,

Patricia Sánchez, André Adrio, Artur Puga, Martín Mondragón, Adela

Otero, Cristina Canosa, Aida Tarrío, Adrao Casal e Francisco Sieiras.

Duración: 55 min

Compartir publicación: