Extraordinaria acollida dos pontevedreses a todas as propostas de os Feroz, que superan o 90% da cabida
O pasado sábado celebrouse a primeira das dúas galas dos Premios Feroz que a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) celebrará en Pontevedra, e púxose o punto e seguido a uns meses repletos de proxeccións, coloquios e actividades previas para celebrar as películas e as series do ano.
No seu discurso, a presidenta da AICE, María Guerra, expresou unha vez máis o agradecemento da asociación a Pontevedra polo gran recibimento da súa xente e das súas institucións. A festa celebrada esta fin de semana e todos os eventos programados desde o pasado mes de outubro non fosen posibles sen a complicidade das entidades galegas e dun público fiel (con aforos que roldaron o 90% de media) que non só gozaba das proxeccións senón que tamén participaba de forma activa nos coloquios.
Durante o últimos catro meses, a acollida por parte de Pontevedra foi extraordinaria e os pontevedreses uns grandes anfitrións: unha aventura colectiva que implicou a moitos sectores, cun importante esforzo dos hoteis, do servizo de transporte ou dos traballadores municipais, entre outros.
Á gala Feroz acudiron 1.112 invitados e 1.100 pontevedreses seguiron a retransmisión nas dúas salas do Auditorio, que se ocuparon ao 100%. Ademais, varios centenares de persoas achegáronse á gran carpa de 40 metros de longo instalada no exterior do Pazo da Cultura para dar a benvida ás estrelas do audiovisual español.
171 xornalistas de 87 medios acreditáronse para cubrir o photocall, aos que hai que sumar a asistencia de 122 informadores membros de AICE que tamén acudiron á cerimonia.
A organización contratou 1.100 pernoitas na cidade, ás que se engaden as realizadas directamente polos asistentes, que roldan as 200. O Concello organizou unha visita guiada para dar a coñecer a Boa Vila a todos os convidados, tanto da industria audiovisual como da prensa, á que acudiron 110 persoas atendidas por 4 guías.
Os Feroz 2025 deron a oportunidade de participar a 71 estudantes da cidade, 45 do campus da Universidade de Vigo en Pontevedra —20 do Grao en Comunicación Audiovisual, 20 do Grao de Publicidade e Relacións Públicas, 4 do #Máster universitario e 1 Grao en Belas Artes— con idades comprendidas entre 18 e 29 anos; e 26 alumnos de Protocolo e Eventos do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza.
Desde outubro realizáronse un total de 29 actividades previas, que trouxeron a Pontevedra a grandes nomes como Rodrigo Sorogoyen, Paula Ortiz, Rodrigo Cortés, Mar Coll, Diego San José, Carmen Machi, Candela Peña, Eduardo Casanova ou a deseñadora de vestiario nomeada ao oscar Bina Daigeler. A asistencia media foi dun 90% e destacou a altísima participación do público asistente nos coloquios cos creadores. Ademais, estas actividades realizaron unha ampla colaboración con outras iniciativas e institucións culturais da cidade tales como o Festival Novos Cinemas, a pasarela Debut do Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda ou a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI).
A relación Pontevedra-AICE continuará ata a 13ª gala dos Premios Feroz dentro dun ano. Comeza a conta atrás.