O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, visitou esta mañá un tramo da senda en Monte Porreiro -baixo a Ponte das Palabras- na que o seu departamento acaba de renovar todo o pavimento.
Moreda anunciou que en febreiro comezará a reparación do sendeiro de pescadores na marxe do río na parroquia de Lérez.
O Concello de Pontevedra vén de rematar o acondicionamento da senda do Lérez, na súa marxe esquerda, entre Bora e a avenida de Bos Aires coa reparación de todo o pavimento que discorre por debaixo da ponte das Palabras, no barrio de Monte Porreiro. O concelleiro responsable de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda visitou esta mañá o remate destes traballos dos que xa pode gozar toda a cidadanía. Tamén aproveitou para anunciar que no vindeiro mes comezará a reparación da senda de pescadores do lado dereito do río.
Xaquín Moreda explicou que os traballos consistiron na reparación da senda entre Bora e a avenida de Bos Aires cun contrato de preto de 40.000 euros. Fixéronse todo tipo de traballos de reparación dende a liberación das canles de auga, reparación de pavimentos, substitución de elementos de madeira en pasarelas e pasamáns… De feito, no tramo visitado esta mañá refíxose o pavimento “que estaba bastante deteriorado e tamén se limpou o borde do noiro”, explicou Moreda.
Lembrou que a actuación nos espazos públicos é unha prioridade de mandato “e estamos dando pasos para que se cumpra”. De feito anunciou que no vindeiro mes de febreiro comezará a reparación do sendeiro de pescadores da marxe dereita do río, entre a pasarela verde da Estación de bombeo (en Monte Porreiro) até a Illa do Covo.
Nese caso está previsto a canalización dos regatos de auga, reparación de elementos de madeira, eliminación de fochancas… actuacións brandas porque o lateral do río da parroquia de Lérez do río ten un uso moito máis natural que o de Monte Porreiro.