O alcalde da cidade quixo agradecer de xeito público a implicación de colectivos, entidades, empresas e cidadanía en xeral á hora de que os Premios Feroz e a súa programación previa rompesen e superasen todas as expectativas
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu este luns, 27 de xaneiro, aínda emocionado logo do «éxito sen paliativos» que foi a gala dos Premios Feroz 2025. O Recinto Feiral foi un epicentro cultural sobre o que se pousaron xa non milleiros, senón millóns de ollos, tal e como destacan os datos de audiencia —máis de 2 millóns de espectadores pasaron pola retransmisión de La 2 nalgún intre—.
«Vivimos unha noite divertida e reivindicativa, unha noite na que o nome de Pontevedra foi compartido milleiros de veces. Durante unha fin de semana fomos a capital estatal do cinema», explicou o rexedor. «Estamos realmente satisfeitos e agora tocará sentarse a valorar e coñecer as impresións de todos os implicados para traballar xa de cara á gala do 26. Ademais, tendo en conta o ben que saíu, teremos que traballar arreo para mellorala, e así o faremos, porque Pontevedra sempre, sempre, sempre está á altura».
Lores sinalou a «amabilidade e colaboración de toda a cidade» ao longo destes meses, lembrando que «Pontevedra respondeu como só a súa veciñanza sabe». «Era moi importante realmente que a sociedade, en todos os seus eidos, se implicase, e quero agradecer especialmente o traballo da asociación de perruqueiras de Pontevedra, do Carlos Oroza, da Universidade e da Fundación Xoan XXIII; ademais de darlles as grazas a todas as empresas locais que estiveron implicadas na xestión e organización doa gala e da súa programación previa».
Ademais, estendeu o seu agradecemento a todos os centros escolares que traballaron en actividades previas, como os podcast ‘Ouveando Feroz’; xunto con iniciativas privadas que se uniron a esta celebración, con escaparates decorados para a ocasión, ou bolos de pan co logo dos Feroz.
Doutra banda, o rexedor quixo felicitar a La Dani, «que estivo espectacular», ao longo de toda a cerimonia, dirixíndoa. «Tamén quero darlles os meus parabéns, varrendo xa para casa, para o país e a nosa xente, a Diego Anido e María Vázquez, que estiveron xeniais no escenario».«Os meus últimos agradecementos van para todos os actores e actrices, directoras, guionistas e produtores que falaron tan ben de nós e da súa xente, que alabaron a idea da descentralización este tipo de eventos e que sinalaron todas as marabillas de Pontevedra que atoparon, desde a beleza das súas rúas e prazas, até a gastronomía incríbel que temos».