O ciclo de artes escénicas para público infantil e adulto, contará en 2025 con dúas tempadas, xa que tamén terá lugar a habitualmente programada en outono, entre outubro e novembro.
Nas próximas semanas as compañías Roi Borrallas (Galiza/Cataluña), Artika Cía (Galiza), Elefante Elegante (Galiza) e La Chana (Salamanca) achegarán ao Teatro Principal espectáculos de teatro, monicreques, música ou clown.
Será nas xornadas dos domingos 2, 9, 16 e 23 de febreiro con pase dobre ás 12.00h. e 18.30h.
Os abonos para todo o ciclo a un prezo de 12€ e as entradas para cada espectáculo, ao prezo habitual de 4€, estarán á venda en Ataquilla.com a partir do sábado 25 de xaneiro ás 12h.
O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado de Xacobe Rodríguez de Teatro Akatro, unha nova edición dos Domingos do Principal que botará a andar o vindeiro 2 de febreiro e contará con 4 espectáculos, cada domingo ata o día 23 inclusive.
O concelleiro apuntaba que “estamos moi contentos porque Pontevedra non para. Esta fin de semana temos os Feroz pero xa estamos preparadas e preparados para que a partir da próxima semana isto siga a ser un fervedoiro. Queremos presentarvos hoxe a primeira tempada dos Domingos do Principal, a tempada de inverno, que virá seguida doutra en outono porque este ano queremos facer un esforzo moi grande, non só con Domingos do Princpal, para o público infantil e familiar e imos ter ao longo do ano varias sorpresas. Comezamos por tanto con esta tempada de outono, con entradas á venda a partir de mañá as 12h. en Ataquilla.com a os prezos habituais de 4€ entradas e 12€ o abono.
Destacar que contaremos con máis alto nivel dentro desta programación. Algo que quero agradecer a Xacobe e Tareixa de Teatro Akatro polo traballo que fixeron de selección de obras, tanto galegas como de fóra do noso país. Para Pontevedra é un luxo ter unha programación coma esta, pero sobre todo é un luxo ter persoas como estas que son capaces de montar un programa así, como fixo Teatro Akatro e ter tamén empresas como Ovo, capaz de facer algo tan bonito como este cartel. Este traballo colaborativo e conxunto non pode producir máis ca éxitos e agardamos que este mes de teatro para nenos, nenas e familias, sexa tamén un éxito”
Xacobe Rodriguez iniciou a súa intervención agradecendo ao Concello “porque confiaron en nós e nos dan plena liberdade para poder escoller os espectáculos. Levamos xa un montón de anos con esta programación e traemos a metade dos espectáculos de fóra e a metade de aquí. Para debullar a progrmación, comezamos o primeiro domingo coa compañía Roi Borrallas: un clown galego asentado en Cataluña que montou a súa propia compañía. Trae un espectáculo delicado, que combina monicreques con traballo de clown e manipulación. É digno de ver non só para público infantil senón par apúblico adulto. Podería ser programado en Ponteatro e tería o mesmo éxito. Acumula unha morea de premios e vai sorprender. O domingo 9 contaremos coa compañía veciña Artika, de Vigo, que vén cun espectáculo musical e trata o tema da diferencia, do rechazo ao que vén de fóra, etc. Un espectáculo amable, musical e divertido. O 16 de febreiro traemos a tamén galega Elefante Elegante, cun espectáculo plástico, visual, que fai reflexionar sobre a vellez e as situacións que se dan coa xente maior, o esquecemento, a soidade, etc. Traballa con linguaxe xestual que permite que haxa varias lecturas do espectáculo para a cativada e o público adulto. Acabamos o último domingo de febreiro con La Chana que trae Blancanievas. Unha compañía de Salamanca que leva traballando dende o ano 87 e empregan a palabra e os obxectos. Nesta ocasión é unha versión en verso de Blancanieves onde todos os personaxes son lámpadas. É un espectáculo para cativada a partir de 6 anos con moitas chiscadelas para público adulto. Foi gañador do Premio Max no 2023 entre moitos outros recoñecementos.
Facemos un percorrido no mes de febreiro por estes espectáculos e como decía Demetrio, temos que gardar un pouquiño porque como este anos temos dobre tempada, hai que esperar para ver o que vén en outubro”
Domingo 2 de febreiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h
SOLO – Roi Borrallas (Galiza /Cataluña)
Un pallaso ten que estar no palco, co seu público. Mais, que acontece cando queda só? É no camarín onde se mesturan persoa e personaxe. Onde se desfigura a liña que os separa. Un limbo que non é o escenario nin a vida real.
É nesa fronteira onde ten lugar este espectáculo… Pasen e vexan a traseira deste artista, as súas ideas e tolemias, o que ninguén ve, un pallaso cando ninguén o observa.
• Premio Fetén 2023 ao Mellor Intérprete
• Premio Zirkolika 2022 ao Mellor Espectáculo De Pallasos
• Premio da Crítica ao Mellor Espectáculo Nacional de Circo 2024
• Premio da Crítica seleccionado para Mellor Espectáculo Familia 2024
Clown.
Duración: 45 minutos.
Recomendado a partir de 8 anos e público adulto
Domingo 9 de febreiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h
PUM, PUM. QUEN HAI? – ÁRTIKA Cía (Galiza)
Descobre a maxia dunha aldea galega onde cada día é un xogo. Pum! Pum! Quen hai? É unha comedia musical que nos introduce na vida de Gaia, unha nena espelida que nos guía a través dos xogos tradicionais do seu pobo. Xunto a personaxes tan carismáticos como tía Maruxa e don Rosmón, Gaia desafía os segredos das portas veciñas, enredando a todos nunha aventura de risas e revelacións.
Cando aparecen novos e misteriosos veciños, o pobo enfróntase aos seus medos cunha serie de equívocos cómicos que nos lembran a importancia da aceptación e a diversidade.
Comedia musical.
Duración: 45 minutos
Recomendado a partir de 4 anos
Domingo 16 de febreiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h
KIOKI – Elefante Elegante (Galiza)
KYOKI aborda a temática do esquecemento, da vellez e da soidade.
KYOKI é unha ollada cómplice, reflexiva e sensible ás experiencias que viven tanto as persoas que precisan ser coidadas, como as propias coidadoras.
A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo crea un universo cómico e poético que viaxa do realismo á hipérbole da vida cotiá.
Teatro xestual, monicreques, maxia e música.
Duración:45 minutos
Recomendado a partir de 6 anos e público adulto
Domingo 23 de febreiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h
BLANCANIEVES – La Chana Teatro (Salamanca)
Espectáculo en verso que interpreta o conto dotando de humor e poesía visual e literaria, no que os protagonistas son representados por lámpadas e candelabros. Un auténtico xogo de volumes e tamaños.
• Premio Max ao Mellor Espectáculo Infantil, Xuvenil ou para Público Familiar 2023
• Premio do Público ao Mellor Espectáculo Infantil na Feira de Teatro de Castela e León 2020
• Premio Titirimurcia ao Mellor Espectáculo 2021
• Premio ao Mellor Espectáculo do Festival Parque de las Marionetas de Zaragoza 2023
Teatro de obxectos.
Duración: 60 minutos
Recomendado partir de 6 anos e público adulto