O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do voceiro do partido socialista, Iván Puentes, compareceu para dar conta dos puntos principais que compoñen este documento
O orzamento acordado sube até os 98.632.000 euros, o máis alto da historia do municipio
O grupo municipal do BNG xunto ao grupo municipal do PSdG veñen de chegar a un acordo de cara a aprobación dos orzamentos para o ano 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa acompañado do voceiro do Partido Socialista en Pontevedra, Iván Puentes, para dar conta dos compromisos logrados entre ambas as dúas partes.
O rexedor explicou que a sinatura deste acordo permite a aprobación do orzamento máis alto da historia do municipio pontevedrés, que chega até os 98.632.000 euros. «Quero agradecer a disposición e compromiso do grupo municipal do PSdG para aprobar este orzamento, así como as súas aportacións e achegas á hora de enriquecelo», sinalou.
«Estamos a falar dun orzamento de futuro, que nos vai permitir adiantarnos aos retos que están por chegar ao longo dos vindeiros anos. En Pontevedra préstarnos adiantarnos ao futuro e ser pioneiros en diversas cuestións», comentou, ao tempo que definiu as chaves ou eixos fundamentais nos que se configura o orzamento, a saber:
- Adaptación e loita contra o cambio climático
- Mellora da calidade de vida de toda a veciñanza de Pontevedra
- Promoción e proxección da cidade
- Continuidade ao mantemento e o sostemento dos espazos públicos e dos equipamentos municipais
Respecto ao primeiro eixo, o alcalde quixo ro destacar a cuestión do tratamento dos residuos municipais a través do contrato que está licitación ou a ordenanza de residuos xa aprobada; ademais da renaturalización do río Gafos, continuidade na renovación do alumeado público e nos proxectos relacionados coas ZBE; entre outros.
No referido á mellora da calidade de vida da veciñanza, o rexedor lembrou a creación do Parque da Parda, ao tempo que confirmou a reurbanización e mellora dos servizos soterrados nas rúas Casimiro Gómez, Luís Seoane e Pasantería; xunto cos proxectos de Mollavao e Rosalía de Castro, e a creación de novos parques urbanos.
Poñendo o foco na promoción e proxección da cidade, sitúanse os Premios Feroz, o campionato do mundo de triatlón Multisport, así como os centos de actividades culturais e festivas previstas (concertos, mostras, Ano Castelao, actividades de rúa…).
Fernández Lores rematou a súa intervención agradecéndolle de novo ao voceiro do PSdG o compromiso do seu grupo á hora de sacar adiante uns novos orzamentos, uns orzamentos con futuro e para o futuro.
Pola súa banda, Puentes manifestou «a miña satisfacción por ter chegados a este punto», agradecéndolle o seu traballo ao equipo municipal do BNG «pola súa disposición ao diálogo e entendemento». «Con esa sinatura culminamos dous meses de negociacións entre dúas formacións políticas que se poñen de acordo á hora de aprobar un orzamento e de ver que queremos facer en Pontevedra durante ese ano 2025».
«Coma sempre que hai acordos, é evidente que este non é o orzamento que faría o BNG en solitario ou o que faría o PSdG en solitario, mais isto non é unha debilidade, lonxe diso isto é unha enorme fortaleza ao xurdir un orzamento do mellor que pode haber en política, como é o consenso e o diálogo, a capacidade de poñernos de acordo por riba de enfrontamentos permanentes, en beneficio dunha cidade e da súa veciñanza», indicou. «Creo que o agardan todos os veciños e veciñas que votaron BNG ou PSdG, que falemos, que nos entendamos e tentemos resolver de xeito conxunto os seus problemas. A confrontación permanente como a que practican outros dá moitos titulares, pero non nos leva a ningún lado bo».