O Concello manterá este mércores un encontro con máis de dúas decenas de asociacións e entidades da cidade que realizarán actividades e programacións propias co fin de homenaxear e divulgar a vida e obra do intelectual e nacionalista galego
Pontevedra prepárase para celebrar un Ano Castelao por todo o alto. Desde o Concello de Pontevedra, os preparativos avanzan e as ideas e actividades acumúlanse para cristalizar ao longo de todo este 2025 co fin de divulgar e homenaxear a súa figura. O edil de Cultura, Demetrio Gómez, lembrou que a unión do intelectual con Pontevedra é realmente forte, tanto é así que «Castelao escolleu ser pontevedrés e así o demostrou ao longo de toda a súa vida», implicándose e participando activamente e intensamente na vida da Boa Vila.
Gómez lembrou que a celebración do Ano Castelao traerá consigo un esforzo extra por parte da administración local, e que xa se deixou notar coa publicación do bando publicado o día 7 de xaneiro, á hora de traballar a prol dunha programación transversal que chegará a todos os ámbitos do municipio ao longo de todo ano, non só a un día ou unha semana.
«Estamos traballando con distintos materiais para que a programación poida ser realmente variada, por iso recuperamos xa a exposición ‘Castelao e Nós’ que xa ten uns anos, pero que queremos reconvertela a un novo formato, mesmo transformala nunha páxina web», explicou o edil.
Así, este mércores, ás 19.00 horas, o Concello manterá un encontro con máis dunha vintena de entidades e asociacións da cidade para trazar liñas de colaboración activas á hora de participar neste Ano Castelao. «Este ano non só haberá unha programación promovida desde o Concello. As asociacións e outros colectivos da cidade están xa traballando nas súas actividades e queremos ver cales son, animalas a seguir ese camiño e lembrar que Pontevedra é unha cidade dinámica, cun forte compoñente organizativo e social».
O concelleiro de Cultura agarda poder presentar moi pronto unha programación colectiva e conxunta, «para todos e para todas, e durante todo o ano».