Esta mañá o alcalde de Pontevedra presidiu a primeira sesión do Consello das Crianzas, Ti contas moito na que participaron as 18 crianzas titulares e as 14 suplentes.
A rapazada, entre os 10 e 11, anos foi seleccionada entre os centros escolares de Pontevedra e parroquias
Ao longo dos próximos meses, participarán nun par de sesións mensuais coa fin de achegar ao Concello as súas demandas e suxestións para mellorar a cidade
Na primeira sesión do Consello das Crianzas, celebrado esta mañá no Salón de Plenos do Concello, o alcalde explicou ás crianzas o papel que cumprirá este órgano asesor da alcaldía de Pontevedra posto que “as nenas e os nenos que o formades, ides representar a todas as crianzas de Pontevedra. Queremos unha cidade que conte coas vosas opinións para ser mellor”.
Nesta liña, o alcalde tamén “puxo deberes” ás nenas e nenos. Pediulles que traballasen durante o resto do curso para entregar en xuño as súas primeiras propostas e resaltou que agarda “con impaciencia saber que é o que queredes para que Pontevedra sexa a cidade na que as nenas e os nenos queirades vivir”, apuntando que a nosa cidade é e debe ser amiga dos nenos e das nenas, un lugar no que poder xogar con liberdade, sentirse seguras e seguros e estar nas rúas sen precisar da vixianza das persoas adultas e para iso “precisamos que nos axudedes”.
Tras a intervención do alcalde e o edil de Educación Demetrio Gómez, que responderon a preguntas e propostas das nenas e nenos e a entrega de acreditacións á cativada. Botou a andar o Consello das Crianzas, Ti contas moito botou cos primeiros traballos, guiados polas responsábeis de Taller Abierto, que van acompañar ás nenas e nenos durante o resto do curso en sesións que se desenvolverán en fins de semanas alternas até o mes de xuño.
O proceso retamatará coa elaboración dun informe que recollerá as propostas do consello. Será presentado ao alcalde que hoxe manifestou o seu compromiso de estudalo con todo o interese e levalo a práctica dentro das competencias e das posibilidades municipais.
O Consello das Crianzas é unha proposta do pedagogo italiano Francesco Tonnucci para involucrar as nenas e os nenos na vida das cidades. Tonucci propón que se forme con nenos e nenas de 9 e 10 anos que se reúnan de xeito periódico, que as crianzas fagan parte do consello durante dous anos, que se elabore un informe anual para elevalo á alcaldía e que as nenas e os nenos sexan un grupo diverso. Todas estas características están no Consello de Pontevedra coas 18 crianzas da cidade e das parroquias que forman un grupo paritario en canto ao xénero.