O Auditorio do Pazo da Cultura permitirá seguir en directo a retransmisión dos Premios Feroz e incluirá «sorpresas» 

A veciñanza pontevedresa tamén poderá achegarse até a alfombra vermella instalada na parte superior do Recinto Feiral
Unhas 1.300 persoas estarán presentes no interior do Recinto Feiral a noite grandes destes galardóns, o vindeiro 25 de xaneiro 

A gala dos Premios Feroz celebrarase en Pontevedra en menos de vinte días. Pouco máis de dúas semanas restan para que a Boa Vila sexa un espazo de celebración e encontro da cultura audiovisual de todo o Estado.

A edil de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, sinalou que ao longo destes meses, toda a programación «foi espectacular, saíndo moito mellor do que podíamos agardar e pensar nas nosas cabezas». Este mércores, 8 de xaneiro, a concelleira quixo aproveitar a súa comparecencia para ofrecer algúns detalles da gala que está por chegar e que será o colofón  final á primeira edición dos Premios Feroz na cidade de Pontevedra.

«Son días e semanas de traballo intenso para que todo estea listo para o día 25», sinalou. «Queremos agradecer a todos os sectores implicados: hostalaría, loxística… en traballar para que todo estes Feroz sexan posíbeis».

«A gala dos Feroz é unha gala complexa, unha gala que contará con máis de 1.300 persoas durante a mesma no Recinto Feiral de Pontevedra», explicou a edil. «O acceso a este espazo será por convite nominal, e entre eles aparecen máis de 200 personalidades do mundo do cinema e da televisión, máis de 100 xornalistas acreditados, e centos de traballadores para facer posíbel a súa retransmisión, retransmisión que, por certo, este ano, por primeira vez será emitida pola televisión pública española».

Se ben o acceso para a gala é restrinxido, a veciñanza de Pontevedra poderá gozar da gala e da súa retransmisión desde o Auditorio do Pazo da Cultura, un espazo ao que se poderá acceder cunha entrada especial (de balde) que se deberá retirar con antelación (máximo 4 por persoa) e no que haberá «diversas sorpresas» durante a celebración da gala, que estará acontecendo a escasos metros. Antes, poderá estar presente na alfombra vermella que se celebrará a partir das 18.00h na parte superior do Recinto Feiral, baixo unha carpa de máis de 40 metros de longo. 

Gulías explicou que o Concello de Pontevedra terá 150 convites para este acto e que serán distribuídos con carácter institucional, existindo unha parte de representación política de distintas administracións, tanto municipal, como provincial e autonómica; ademais de universitaria, cultural, veciñal, económica e, por suposto, do sistema audiovisual da Galiza. «Queremos facer partícipes deste evento a todas entidades galegas que sexa posíbel», finalizou.

A edil quixo destacar a implicación de toda a cidadanía cos Premios Feroz, tanto á hora de participar nas actividades como de ofrecer axuda durante a celebración da gala e das diferentes propostas anteriores. 

Compartir publicación: