‘Polo correo de vento’ rematará esta semana a instalación dos últimos paneis e vinilados previstos nos distintos cadros de alumeado do centro urbano, que amosan diferentes elementos e personaxes emblemáticos da Boa Vila
O edil responsábel dos Servizos básicos urbanos, Xaquín Moreda, achegouse até a avenida de Uruguay para comprobar os últimos traballos de colocación dos novos paneis que se están a colocar sobre os cadros de alumeado da cidade.
Logo dunha primeira xeira de instalacións destes vinilos, o ano comeza cunha segunda quenda deste tipo até chegar a máis de trinta elementos transformados en puntos de información histórica e popular, achegando dun xeito didáctivo e divulgativo distintos aspectos de Pontevedra.
Moreda lembrou que a instalación destes vinilos enmárcase dentro desa idea global de mellora no mantemento da cidade, propiciando rúas e prazas máis fermosas e máis coidadas. Os cadros de alumeado, elementos que habitualmente non chaman a súa atención pola súa integración, serven agora como puntos entrañábeis. «Son operacións pequenas como esta as que melloran moitísimo o aspecto da cidade», sinalou o edil.
A continuación é posíbel comprobar todas as rúas nas que se modificou un destes cadros: Av. das Corbaceiras, Uruguay, María Victoria Moreno, Rúa da Carqueixa, Rúa da Pala, Ponte da Barca, Rúa Echegaray, Rúa Tablada, Rúa de San Roque de Abaixo, Avenida de Marín, Rúa de Rosalía de Castro, Rúa Pastor Díaz, Rúa Víctor Said Armesto, Rúa Irmáns Nodales, Rúa dos Palamios, Rúa Jofre de Tenorio, Avenida Augusto García Sánchez, Rúa Gutiérrez Mellado, Avenida de Vigo, Rúa García Camba, Praza de Ponte Boleira, Gorgullón, Rúa da Estación e Rúa Josefina Arruti.