Os tres dispensadores de auga contan cun deseño único, contemporáneo, adaptado e accesíbel; e están situadas na Ponte dos Tirantes, na entrada ao Gorgullón polas estacións e ao carón da gran marquesiña da Praza de Galiza
Pontevedrá contará con tres novas fontes en distintos puntos da cidade. A empresa encargada da xestión do servizo de auga en Pontevedra, Viaqua, vén de rematar a instalación destes elementos, que quedan a disposición de visitantes e veciñanza.
As fontes figuran como unha das melloras incluídas dentro do contrato polo que a empresa obtivo a adxudicación no seu día, polo que non deriva nun gasto extra para as arcas municipais. Tal e como sinala o edil responsábel do Ciclo da Auga, Xaquín Moreda, as novas fontes foron colocadas «en sitios estratéxicos» nas que poden ter un maior uso.
A primeira delas está no paseo do Lérez, á altura da Ponte dos Tirantes, «onde unha enorme cantidade de persoas vai camiñar ou facer deporte». Outro dos puntos é no Gorgullón, fronte a estación de tren, punto chave dentro do Camiño de Santiago. Por último, a terceira fonte sitúase na Praza de Galiza, nun dos laterais da gran marquesiña deste lugar.
As novas fontes contan cun deseño contemporáneo, en aceiro inoxidábel e altamente accesíbeis, incluíndo persoas en cadeira de rodas. Tamén contan cun sistema para as mascotas.
«Cremos que van ser moi usadas pola cidadanía, ao contar cun deseño único e actual, ademais de adaptado», finalizou o edil.