Os Reis Magos percorrerán este domingo as rúas de Pontevedra para ver a todas as crianzas «que tan ben se portaron este ano» 

Por mor da previsión da choiva, as tres personalidades máxicas participarán na Cabalgata a un ritmo algo máis áxil, minimizando o risco de molladura para todas as partes a partir das 18.00h
Pola mañá, a Casa Consistorial acollerá por vez primeira a recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar, a partir das 11.00h, repartindo caramelos e escoitando peticións de última hora 

Pontevedra poderá ver aos Reis Magos este domingo marchar polas súas rúas. É a decisión que tomaron as tres personalidades de Oriente para poder encontrarse coas crianzas «que tan ben se portaron este ano», un xeito de agasallar ese comportamento exemplar, combatendo a choiva que se prevé para toda a fin de semana.

A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, explicou que logo de falar cos axudantes dos Reis Magos desde o Concello de Pontevedra, a decisión tomada era a de manter a Cabalgata aínda que chova durante a tarde do domingo. «Os Reis Magos tiñan que vir a Pontevedra e van vir a Pontevedra tal e como estaba previsto. Os nenos e nenas portáronse moi ben este ano polo que nos transmitiron e non podía ser doutro xeito», explicou. «Igual a Cabalgata vai algo máis rápido do habitual para evitar estar baixo a auga moito tempo, pero polo resto imos tentar adaptarnos ao que sexa, con paraugas ou sen el».

Doutra banda, a Casa Consistorial acollerá por vez primeira a recepción dos tres magos, que se realizará o domingo a partir das 11.00 horas. Adultos e crianzas poderán coñecelos de primeira man, sacar fotos, coller caramelos e facer peticións de última hora. «Din os Reis que oxalá as crianzas se acheguen camiñando, demostrando esa autonomía tan famosa dos nenos e das nenas en Pontevedra, evitando coller o coche».

No referido ao percorrido e da súa relación co tráfico, cómpre sinalar que a comitiva percorrerá as seguintes rúas: Avenida de Lugo (zona de concentración), Loureiro Crespo, Benito Corbal, Praza da Peregrina, Michelena, Praza de España, Alameda e Echegaray. Todas elas permanecerán pechadas ao tráfico a partir das 16.00 horas, até o remate do desfile. Tampouco se permitirá o acceso ou saída dos garaxes que se atopen no itinerario durante este tempo.

Por suposto, o acceso ao Hospital Provincial e ao Hospital Quirón-Salud estará garantido en todo momento, a través de dúas rutas distintas:

Ruta 1: Dende Beiramar.

Acceso por Padre Gaite, San Antoniño, Victor Cervera Mercadillo e Loureiro Crespo.

Ruta 2: Dende Eduardo Pondal.

Acceso por Uxío Novoneyra e Joaquín Costa.

Compartir publicación: