Recta final das actividades previas aos #Feroz2025 

Candela Peña, Mar Coll e Javi Giner visitarán Pontevedra na primeira parte do mes de xaneiro 

Chega a recta final das actividades previas á gala dos Premios Feroz 2025 que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra. Sen os nervios da cerimonia e con proximidade ao público pontevedrés, visitarán a Boa Vila novos nomeados das series e películas candidatas. Porque os Feroz en Pontevedra van moito máis alá da gala do 25 de xaneiro e como vén pasando desde o pasado mes de outubro, déronse cita algúns dos principais creadores do cinema e as series españolas para proxeccións e coloquios. 

O primeiro do ano será Javi Giner, guionista, director e produtor executivo de ‘Yo, adicto’, unha historia honesta e conmovedora baseada no seu libro homónimo, con 4 nomeamentos aos Feroz 2025. O venres 10 de xaneiro ás 19:00 no Teatro Principal proxectaranse tres capítulos da serie e despois terá lugar o coloquio entre Giner e os asistentes. 

O martes 14 Mar Coll presentará ‘Salve María’, película candidata a 4 feroces e que xa foi premiada na Seminci 2024 (Mellor actriz para a súa protagonista, Laura Weissmahr) e no Festival de Locarno (Mención especial). A charla coa directora e guionista será no Teatro Principal tras ver o filme ás 19:00

Dous días serán os que comparta Candela Peña co público pontevedrés: 

  • O venres 17 ás 18:00 proxectaranse 3 episodios de ‘El caso Asunta’ no Auditorio do Pazo da Cultura e despois a protagonista ofrecerá unha charla acompañada polas persoas que a axudaron a crear o personaxe de Rosario Porto: maquilladora, perruqueira, ‘coach’ de galego… debullarannos o proceso de transformación. 
  • Ao día seguinte, o sábado 18 no Auditorio pero ás 16:00, poderanse ver os 3 episodios finais e despois comentalos coa propia Candela Peña e outros membros do equipo, que falarán sobre como trasladaron á pantalla o suceso que conmocionou a todo o país e sobre as 4 figuras ás que opta a serie nos Feroz 2025. 

A gala dos #Feroz2025 celebrarase o vindeiro sábado 25 de xaneiro en Pontevedra. En total entregaranse 21 galardóns: once de cinema, sete de series, os dous Premios Feroz Arrebato e o Premio Feroz Audi de Honra que este ano recibirá o cineasta Jaime Chávarri.

A alfombra vermella e a gala retransmitiranse en directo desde a canle de Youtube dos Premios Feroz.

Todos os detalles e novidades poden seguirse na nosa web e redes sociais:

Os premios Feroz

Os Premios Feroz 2025, que destacan o mellor da produción audiovisual española do ano para a prensa especializada, están patrocinados polo Concello de Pontevedra así como por Legado Ibérico, marca premium de Elpozo Alimentación e líder no sector do ibérico. Ademais, contan coa colaboración de Audi —Vehículo Oficial—; a entidade de xestión de dereitos de autor DAMA; Cafés Candelas —Café Oficial—; co financiamento do Goberno de España – Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura; e coa participación de Crea SGR.

A AICE é un grupo plural de máis de 220 xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cinema en televisión, radio, prensa e Internet de todo o país. Desde 2014 entregan os PREMIOS FEROZ® para destacar o mellor da produción audiovisual española do ano. Ademais dos galardóns anuais, a asociación outorga o Premio Feroz Zinemaldia no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Premio Feroz Puerta Oscura no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove á mellor curtametraxe no seo do festival do mesmo nome. A AICE tamén organiza o festival Lo que viene, o campus de cinema e series La Inmortal en Zaragoza e o programa de formación en xornalismo de cinema e series María Luz Morales.

Compartir publicación: