O Concello elaborará un Plan de Actuación Integrada para poder optar a novos fondos europeos e promover actuacións nos barrios de Monte Porreiro, A Seca, Valdecorvos e A Parda

Estas subvencións europeas (FEDER) sitúanse no marco dos Plands EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local) e poderían cofinanciar distintas obras e proxectos por valor máximo e total de 20 millóns de euros 

O alcalde e portavoz do Goberno, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu este xoves, 2 de xaneiro, trala celebración da primeira Xunta de Goberno Local do novo ano. Alén dos distintos asuntos recollidos na orde do día, principalmente urbanísticos, o rexedor quixo informar da saída das bases para a convocatoria dos Plans EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local), e como o Concello de Pontevedra elaborará un PAI (Plan de Actuación Integrada) para presentarse aos mesmos.

O Concello deberá presentar o proxecto de actuación municipal antes do 28 de febreiro e así optar a uns fondos europeos (FEDER) que como máximo permitirían cofinanciar de até 20 millóns de euros. «Doce millóns serían, como máximo, de aportación europea; e o restante, oito, serían de aportación municipal», explicou o rexedor. 

«Este proxecto estará inxerido dentro da Axenda Urbana que temos aprobada, feito obrigatorio para poder presentarnos a estes EDIL. Pontevedra foi pioneira nese sentido e hai cento e pouco concellos que a teñen aprobada na actualidade», lembrou. «Nesta XGL acordamos presentarnos a esta convocatoria e en principio cremos estar ben posicionados para poder ser seleccionados».

As actuacións que poderán ser financiadas con estes fondos son aquelas realizadas nos barrios menos favorecidos desde o punto de vista económico, permitindo achegar a estes barrios aos estándares de calidade urbana do resto da Boa Vila. 

«As actuacións son de tres tipos: mellora dos espazos públicos urbanos, mellora dos equipamentos destes barrios e loita contra o cambio climático», indicou o alcalde. «Actuaremos en Monte Porreiro, A Seca-Valdecorvos e no barrio da Parda».

O Concello elaborará distintos proxectos —non significa que poidan ser realizados todos—, poñéndo Fernández Lores de exemplo unha actuación na contorna do futuro pavillón de Monte Porreiro; a casa de Cultura do mesmo barrio ou a renovación do campo de fútbol e do rugby xunto coa súa contorna, amais dunha intervención na praza de Europa e o Mirador.

No caso da Seca, o Concello optaría por actuar sobre a cuberta da vía do tren do lugar, ademais dos viais de acceso perimetrais acceso e do propio barrio. En Valdecorvos aparecerían actuacións nas zonas verdes da zona e na creación dos elementos reguladores de enchentes. No referido ao barrio da Parda, actuaríase entre os Xulgados e Otero Pedrayo, no futuro parque que se construirá neste espazo.

Compartir publicación: