O Concello achega aos centros de Primaria as singularidades do bosque atlántico e o patrimonio rural da Galicia no Salgueiral 

Nos tres primeiros meses, a Concellaría que xestiona Xaquín Moreda organizou estes dous talleres para coñecer a riqueza do bosque atlántico así como a vida no rural galego trasladando aos cativos á aldea do Salgueiral, na parroquia de Bora.

A Concellaría segue a dar apoio aos centros de ensino na posta en funcionamento e mantemento das súas hortas escolares, a través da empresa de inserción social Feito. 

A Concellaría de Sostemento dos espazos públicos que xestiona Xaquín Moreda rematou co inicio das vacacións de Nadal as actividades programadas nos centros de ensino para a divulgación da contorna natural de Pontevedra: Percorrendo a senda do río Almofrei, o bosque atlántico e as hortas escolares son as actividades que os escolares de primaria de Pontevedra puideron desenvolver nos tres últimos meses do ano da man de expertos ambientais.

A Concellaría puxo en marcha por vez primeira unha xornada informativa e de xogos para coñecer o bosque atlántico entre os escolares de Pontevedra.

A idea deste novo programa de educación ambiental foi conseguir unha aproximación dos nenos á natureza desenvolvendo actividades de lecer que dean a coñecer a historia natural do subsector bioxeográfico Rías Baixas a través das vinte e cinco especies de árbores autóctonas, cos valores e singularidades de cada unha delas como piares fundamentais do ecosistema orixinal denominado “bosque atlántico”.

Estas árbores autóctonas son:

  1. Abeleira (Corylus avellana). Cast. avellano
  2. Abruñeiro (Prunus spinosa). Cast. endrino
  3. Acereiro (Prunus lusitánica). Cast. loro
  4. Acivro (Ilex aquifolium). Cast. acebo
  5. Amieiro (Alnus glutinosa). Cast. aliso
  6. Bidueiro (Betula pendula). Cast. abedul
  7. Capudre (Sorbus aucuparia). Cast. serbal de los cazadores
  8. Carballo (Quercus robur). Cast. roble
  9. Castiñeiro (Castanea sativa). Cast. castaño
  10. Cereixeira (Prunus avium). Cast. cerezo
  11. Érbedo (Arbutus unedo). Cast. madroño
  12. Espiño branco (Crataegus monogyna). Cast. majuelo
  13. Freixo (Fraxinus angustifolia). Cast. fresno
  14. Hedra (Hedera helix) Cast. hiedra
  15. Loureiro (Laurus nobilis). Cast. laurel
  16. Maceira brava (Malus sylvestris). Cast. manzano silvestre
  17. Oliveira (Olea oleaster) Cast. acebuche
  18. Pereira brava (Pyrus cordata). Cast. peral silvestre
  19. Pradairo (Acer pseudoplatanus). Cast. arce
  20. Sabugueiro (Sambucus nigra). Cast. saúco
  21. Salgueiro (Salix atrocinerea). Cast. sauce
  22. Sanguiño (Frangula alnus). Cast. arraclán
  23. Sobreira (Quercus suber). Cast. alcornoque
  24. Teixo (Taxus baccata). Cast. tejo
  25. Ulmeiro (Ulmus minor) Cast. olmo

As xornadas consistiron nunha exposición previa na que os rapaces puideron ver follas, froitos, flores, sementes, cortizas… de especies autóctonas e algunhas das especies foráneas e invasoras máis comúns. A continuación xogaron ao “Viaxe ao corazón da fraga” cun grande taboleiro de 2×3 metros despregable sobre o chan cun deseño similar ó xogo da oca pero con casiñas que conteñen ilustracións de árbores, follas, froitos, etc. que deben adiviñar para avanzar e un dado grande de espuma.

Participaron escolares do Parada-Campañó, Cabanas, Marcos da Portela, Vilaverde, Xunqueira 1, Xunqueira 2, Álvarez Limeses, Barcelos, Vidal Portela, Campolongo, Froebel, A Carballeira, San Martiño, Ponte Sampaio, Santo André, San Benito de Lérez, Marcón e Daría González García (Príncipe Felipe).

Percorrendo a senda do río Almofrei foron visitas guiadas escolares no núcleo rural do Salgueiral nas que se achegaron aos rapaces e rapazas a realidade do rural galego, transmitíndolles os valores sociais, naturais e patrimoniais que se atopan nesta aldea de Bora.

A concellaría programou 10 saídas polos sendeiros fluviais da man de dúas monitoras especializadas en educación medio ambiental. Participaron 235 escolares e mestres dos colexios Vilaverde, Froebel, San Mariño, Santo André de Xeve e Barcelos.

O alumnado coñeceron o monte comunal e o seu aproveitamento, a importancia da auga coas infraestruturas hidráulicas do lugar, a botánica da aldea recoñecendo a vexetación e os seus usos, o cultivo dos cereais e a historia rural de Galiza.

Ao mesmo tempo, a Concellaría que xestiona Xaquín Moreda continuo coa colaboración con todos os centros de ensino para manter as hortas escolares de cada centro. Da man da empresa de emprego social Feito, preparáronse os espazos de plantación e o mantemento do material que necesitan para que a comunidade escolar empregue a horta como espazo didáctico para coñecer o traballo e o coidado dunha horta.

Compartir publicación: