(en)Volve inicia a recollida de agasallos e mantén aberta a porta a novos “cómplices” dos Reis Magos 

Os “cómplices” poden entregar os agasallos na Casa Azul de luns a venres, en horario de 9.30 a 13.30 horas ou de 16.30 a 18.30 e o 2 de xaneiro comezará a entrega ás familias para que o día 6  cheguen as mans dos seus destinatarios

A Concellería de Benestar Social activou a principio de mes o programa municipal (en)Volve co  obxectivo, un ano máis, de que ningún neno, nena ou adolescente de Pontevedra en situación ou en risco de exclusión social quede sen o seu agasallo de Nadal. Os “cómplices” dos Reis Magos xa comezaron a deixar os seus paquetes, perfectamente identificados, na Casa Azul. Teñen ata fin de  ano para facer a entrega, xa que o  2 de xaneiro comezará o reparto ás familias co fin de que o día 6 cheguen as mans dos seus destinatarios.

Malia os poucos días que quedan e ao convencemento de que a demanda se cubrirá cumpridamente, mantense a porta aberta a incorporación de novos “cómplices” cos que elaborar tamén unha listaxe de agarda á que recorrer en previsión de incidencias de última hora que puidesen deixar a algun neno ou nena sen a “visita” dos Reis.

Como outros anos, o perfil dos “cómplices” é moi variado. Hai homes, mulleres e familias; xente nova, adultos e maiores da terceira e cuarta idade; pontevedreses e pontevedresas —tamén dos que viven fóra e volven a casa por Nadal- e veciñas/os dos concellos derredor que botan en falta unha iniciativa parecida nos seus municipios; persoas que agasallan a máis dun neno ou nena o amigos que se unen para responder a unha petición. Porén todas e todos eles comparten trazos como a xenerosidade e  solidariedade e a aposta pola inclusión.

As persoas interesadas en sumarse á campaña nesta recta final poden facelo a través do formulario:  https://forms.gle/p89LwgsFvxZeYazQ7, acudindo a web municipal www.pontevedra.gal ou escaneando o QR do programa de festas do Nadal.

Pola súa banda os “cómplices” poden entregar os agasallos na Casa Azul (Rúa Sor Lucía, nº2), de luns a venres, en horario de 9.30 a 13.30 horas ou de 16.30 a 18.30. Os que non poidan axustarse ao horario, que contacten no whatsapp de en(Volve) para buscar unha solución: número 606987743. É importante que o agasallo teña visible o número de referencia da carta asignada e, sería desexable que tivera escrito o nome da nena ou neno como farían os Reis Magos. E tamén é necesario que leve o ticket de compra por se fose necesario cambialo por estar defectuoso. 

Desde a Concellería de Benestar Social fase un chamamento aos “cómplices” para que na busca e adquisición dos agasallos acudan ao comercio local.  Na campaña do 2023 deixaron preto de 12.000 euros no tecido comercial da cidade.

Compartir publicación: