Unha “chocolatada” de Nadal impulsa a socialización e o apoio mutuo entre o alumnado de Formación Adaptada da Casa Azul  

A Consellería de Benestar Social promove catro percorridos formativos para persoas que buscan novas oportunidades laborais e afastarse do risco de exclusión

A oferta municipal de Formación Adaptada forma parte do Plan de Inclusión social e loita contra a pobreza, co-financiado pola Unión Europea a través do programa FSE+Galicia 2021-2027. 

No Nadal as aulas de Formación Adaptada da Casa Azul convértense nestes días -máis que nunca-,  nun lugar de intercambio,socialización e amizade. Por un día, coa escusa dunha “chocolatada”, deron paso a un “encontro social” no que o alumnado intercambiou confidencias e brincadeiras. O ambiente relaxado e festivo propiciou a organización de “quedadas” para combater a soidade non desexada nestas festas, ao tempo que abriu a porta á creación de redes de apoio mutuo para enfrontar retos cotiás.

A coordinadora do curso pon en valor o aspecto socializante dunha formación que trata de dar resposta ás distintas demandas educativas de persoas en situación de vulnerabilidade que tratan de acceder ou reintegrarse ao mundo laboral ou ben mellorar o seu emprego, co horizonte de afastarse do risco de exclusión.  “Ser capaces de xerar relacións que transcenden as horas de clase é tan importante como a aprendizaxe das competencias formativas” subliña María Mora, coñecedora das “mochilas” vitais do seu alumnado.

O curso de Formación adaptada e participación social está promovido pola Concellería de Benestar Social, que dirixe Anabel Gulías, co fin de dar resposta ás distintas demandas educativas de persoas en situación de vulnerabilidade que tratan ben de acceder ou reintegrarse ao mundo laboral, ben mellorar o seu emprego e e co afán compartido de afastarse do risco de exclusión.

Está estruturada en catro percorridos:

  • ESA, educación adaptada para adultos . Está pensado como un apoio educativo para persoas matriculadas na EPA (escola de adultos) ou que optan ao exame libre de ESO.
  • Competencias clave 2. Impártese o ensino de catro competencias: Lingua Castelá, Lingua Galega, Matemáticas e Inglés. Superar este nivel – equivalente a 2º da ESO, aproximadamente- abre a portas aos cursos de familias profesionais do SEPE, pero é necesaria unha certificación oficial que se obtén cun exame anual convocado pola Xunta, en Silleda.
  • Competencias clave 1-B. Neste curso trabállanse as habilidades sociais, a comprensión lectora e a expresión oral.
  • Competencias clave 1-A . Pensado para persoasque non saben ler e escribir (alfabetización) e persoas que descoñecen o idioma (inmersión lingüística e cultural) 

A oferta municipal de Formación adaptada intégrase no Plan de Inclusión Social e loita contra a pobreza, que está co-financiado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a través do programa FSE+Galicia 2021-2027.

Compartir publicación: