Lores: «Domínguez e o Partido Popular atópanse máis cómodos na idea de transmitir de xeito sistemático que ‘a culpa é de Lores’» 

O rexedor quixo valorar este xoves, 19 de novembro, a ruptura das negociacións por parte do PP á hora de tentar chegar a un acordo para a aprobación dos orzamentos municipais do ano 2025
O alcalde da Boa Vila sinala que as negociacións continúan co PSOE, grupo que desde o inicio foi definido coma «socio prioritario» á hora de buscar a aprobación do orzamento  

O alcalde e portavoz do Goberno, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá de xoves, 19 de decembro, para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Alén de informar dos distintos asuntos incluídos orde do día, o rexedor quixo aproveitar a súa intervención para ofrecer unha valoración do estado das negociacións entre os distintos grupos da corporación á hora de sacar adiante os orzamentos para o ano 2025.

«Nós partimos da idea de negociar os orzamentos coas dúas forzas políticas, que neste momento están na oposición, e así o fomos facendo», explicou Fernández Lores, que de novo situou ao PSOE como o seu socio prioritario nesta negociación. «O Partido Popular sinalou que ía negociar sen ningún tipo de liñas vermellas; houbo negociacións sinceras, tal e como recoñecen eles, pero onte xa dixeron que dalgún xeito rompen as negociacións».

«Nas negociacións que mantivemos chegamos a admitir diversas cuestións que o PP suxería, unha parte importante das propostas figurarían n proxecto definitivo do orzamento, como as referentes a aparcadoiros disuasorios, accesibilidade…», indicou. «O cambio de actitude de Domínguez e do Partido Popular fai que parezan máis cómodos na idea de transmitir de xeito sistemático: ‘a culpa é de Lores’».

O alcalde indicou que Domínguez «en vez de apostar polo ben dos intereses de Pontevedra, aposta por estar nesa posición de liante». «Temos o exemplo de Santa Clara, que acabou nunha rúa sen saída para acabar dicindo que a culpa era de Lores, na contra de recoñecer os seus erros».

Fernández Lores destacou que a negociación para a aprobación dos orzamentos do ano 2025 continúa o seu curso co Partido Socialista co fin de chegar a un acordo para ambas as dúas partes.

Compartir publicación: