O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña aproveitou a última Comisión de Urbanismo do ano para facer balance do “bo momento que está a vivir a cidade de Pontevedra, arredor da construción de novas vivendas”. De feito, 2024 péchase con 14 solicitudes de vivenda colectiva que supoñen 613 vivendas que ben se están a desenvolver ou ben se van desenvolver nos próximos meses.
Ademais destas tramitacións, o concelleiro adiantou que nas vindeiras semanas a cooperativa Gestogar presentará a documentación para solicitar licenza para un novo edificio na parcela de Tafisa: Beiras do Lérez que inclúe 40 vivendas. En Tafisa tamén habería que incluír a parcela que o Concello entrega a Xestur para a construción de vivenda oficial.
O concelleiro explicou que “veñen a confirmar o excelente estado da promoción urbanística na cidade o que significa que a cidade está funcionando, que hai moita xente que quere vivir aquí, que hai un interés moi grande e agardemos que nos próximos meses, agora que entra o ano 2025, que se continue a construir na cidade”.