O Icewolf triunfa na categoría de tapa tradicional e o Sopa de Gallo na categoría do cóctel
Xa hai gañadores do certame gastronómico Pontedetapas 2024, promovido pola Concellaría de Promoción Económica e no que nesta edición participaron 29 establecementos da cidade, que presentaron un total de 39 elaboracións: 19 tapas tradicionais, 10 tapas creativas e 10 cócteles.
As distincións entregáronse hoxe, ás 18.30 horas, no Acto de Entrega dos Premios celebrado no salón multiusos do Teatro Principal coa presenza do alcalde Miguel Fernández Lores e de Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica.
Premios do Xurado
Os gañadores dos Premios do Xurado foron El Cafetín de la Alameda, co bocado “Tomatún”, para a mellor tapa creativa; Icewolf, co bocado “Outono celta”, para a mellor tapa tradicional; e Sopa de Gallo, con “Maresía”, para o mellor cóctel. Como premio, presentarán as súas creacións na feira do gourmet galego Etiqueta Negra 2025.
Os segundos e terceiros postos foron, na categoría creativa, para Trasmallo coa tapa “Maraghota no dorneiro” e Padal da Santiña con “Arumes do monte”; na categoría tradicional, para Feroz con “Porcinete” e Gumer con “Brioche de falares de vaca no seu mollo”; e na categoría cóctel, para Sala Zennet con “Gin Zennet” e La Buena Vida con “Ai Lupita”.
O xurado estivo formado polo chef e asesor gastronómico Fran Sotelino; o creador de contidos Alberto Ribas, de Alvientooo; e os profesores de Cociña e Restauración do CIFP Carlos Oroza, Paco Orge e Marcel Schaal. Ademais, para a categoría específica de cóctel, contouse coa participación de Fernando Fernández, de Los Tres Monos, que achegou a súa experiencia no mundo da coitelaría.
Premio do Público
A Tapa Pontevedra, Premio do Público, foi para “Tomatún” de El Cafetín de la Alameda, que acadou 7.788 puntos. O público deixou en segundo lugar ao restaurante Feroz coa tapa tradicional “Porcinete” (3.518 puntos) e en terceiro lugar a Trasmallo coa tapa creativa “Maraghota no dorneiro” (3.151 puntos).
A Tapa Pontevedra representará á cidade no certame “De tapas por Galicia”, promovido por Turismo de Galicia, no que compiten os gañadores dos concursos gastronómicos das sete grandes cidades galegas.
Outros premios
Pontedetapas contou coa colaboración de Hijos de Rivera, que outorgou un premio á Mellor maridaxe con caña de Estrella Galicia. O gañador foi Trasmallo e a súa “Maraghota no dorneiro”. O propietario do establecemento recibirá o valor do seu peso en produtos HdR e poderá realizar un showcooking nun evento gastronómico organizado pola cervexeira.
Por outra banda, entregáronse dez ceas para dúas persoas (valoradas en 60 euros cada unha) –en calquera dos establecementos participantes no concurso– aos pasaportes completados e entregados na oficina municipal de Turismo.
Ademais, entre os 12.093 cupóns de votación válidos achegados polo público realizouse unha extracción ao azar para premiar con 500 euros para gastar na hostalaría local, así como unha cea para dúas persoas no local gañador da maridaxe de Estrella Galicia. Doutra banda, sorteouse outro premio, tamén de 500 euros para a hostalaría local, entre os 414 usuarios rexistrados na aplicación oficial.