O Centro Integrado de formación profesional Carlos Oroza súmase á programación dos Premios Feroz 2025 que promove o Concello de Pontevedra, como xa ten feito a Universidade de Vigo. Nesta ocasión, a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) e o centro integrado asinaron un convenio de colaboración para a formación de actividades complementarias á formación do alumnado nos eventos dos premios Feroz.
O acordo permitirá ao alumnado facer tarefas de organización, deseño e execución de eventos, principalmente de recepción e acompañamento do público asistente aos eventos, presentacións e galas, así como tarefas de apoio na organización do protocolo do programa.
Ademais, o alumnado poderá ofrecer experiencias de degustación innovadoras e únicas sobre produtos enogastronómicos de Galicia, que se porán no marco do proxecto “Oroza no Mercado” promovido en convenio coa Concellaría de Promoción económica que dirixe Anabel Gulías.
A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías considera unha excelente noticia esta colaboración xa que un dos obxectivos da chegada dos Premios Feroz á cidade era implicar á sociedade, especialmente, ao eido educativo que ten a posibilidade única de participar nun grande evento destas características.