A edil de Réxime Interior, Eva Vilaverde, visitou esta mañá as actuacións de emerxencia que se están a realizar para crear unha instalación independente do colexio e protexida contra incendios
A edil de Réxime Interior, Eva Vilaverde, visitou esta mañá as obras que o Concello de Pontevedra está a realizar no edificio do CIFP Froebel co fin de adaptar as instalacións e estancias que alí posúe para acoller o Arquivo Municipal. Trátase dunha actuación de emerxencia tras ser detectada un problema na rede eléctrica, adaptándose así á normativa actual contra incendios.
«De certo, unha vez nos puxemos coa emerxencia comprobamos que era necesario arranxar outros problemas que foron aparecendo e decidimos racionalizar tamén os espazos e ordenar o uso que tiña este arquivo, compatibilizándoo co uso que ten este edificio, que é un colexio», explicou a concelleira. «Estamos a ter todo o coidado que hai que ter, logrando así ampliar o espazo inicial, mais evitando que existan espazos cruzados entre o colexio e o Arquivo, centrándose todo nun mesmo lugar».
O obxectivo máis importante das actuacións que se están a levar a cabo é, «sen dúbida», o de lograr un mellor illamento contra incendios e lumes, xerándose case un cofre ao redor do Arquivo. «Queda selado totalmente. Por exemplo, no caso do teito, suporá un atraso no avance das lapas de case tres horas, segundo o estudado, para que o incendio atravesase o teito».
O investimento para estes traballos está próximo aos 300.000 euros e permitirán «ter unhas instalacións máis que idóneas». «Agradecemos a colaboración co CIFP Froebel e coas propias obras da Xunta de Galiza que están a realizar no centro».
Segundo os técnicos municipais encargados da obra, as actuacións quedarán rematadas no primeiro trimestre do ano 2025. Seguindo as palabras tamén do arquiveiro municipal, a actualización e mellora deste lugar permitirá ao Concello de Pontevedra ter o espazo necesario para asumir e gardar toda a documentación en papelq ue se poida xerar nos anos vindeiros.