O Concello recupera a antiga parcela da escola taller para analizar os seus futuros usos 

O concelleiro Alberto Oubiña achegouse esta mañá ao lugar para ver os traballos de limpeza, roza e tala de especies invasoras, e coñecer o estado dos invernadoiros que están na parcela. 

O Concello de Pontevedra continúa a mellorar o barrio de Monte Porreiro da man da veciñanza. Nesta ocasión, o concelleiro delegado do barrio Alberto Oubiña priorizou a roza e limpeza da antiga parcela da escola-taller que linda coa rúa Reino Unido e o acceso á estación de bombeo a petición da asociación de veciños O Mirador. 

O Concello leva uns días traballando no lugar, ao onde se achegaron esta mañá os concelleiros Alberto Oubiña e Xaquín Moreda, responsable dos Servizos urbanos básicos, para ver a súa evolución.

Trátase dunha parcela de 3.000 metros cadrados onde nacen todo tipo de sebes e árbores invasoras, principalmente acacia. A actuación contempla limpeza, roza de sebes e, incluso, a tala de todas estas especies e permitirá mellorar a retención das augas que se canalizan cara o acceso á estación de bombeo de Monte Porreiro e ver cal é o estado dos invernadoiros instalados na parcela, e así decidir o seu futuro, segundo adiantou o concelleiro delegado do barrio Alberto Oubiña.

A intervención ten un custe de 17.600 euros.

Compartir publicación: