Esta actuación está negociada con Unión Fenosa Distribución, que correrá ao seu cargo, para logo ser iniciada a colocación do pavimento definitivo da rúa
O alcalde e portavoz do Goberno, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu este xoves, 12 de decembro, en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora desta mañá. Alén dos distintos asuntos tratados dentro e fóra da orde do día, o rexedor quixo poñer o foco nos avances e novidades ao redor da obra de reforma integral da rúa da Santiña.
Este proxecto está financiado polas axudas aos municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e transformación dixital e sostíbel do transporte urbano, xestionadas polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR) do Goberno do Estado.
Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
«Antes de nada, prestaríame pedir desculpas polo atraso nestas obras, que tiveron que ser paralizadas durante as últimas semanas, xa que se estaban negociando con Unión Fenosa Distribución o soterramento de todo o cableado da zona e que discorre durante todo este tramo do Camiño Portugués», explicou. «Cremos que xa hai acordo definitivo, que o soterramento correrá ao seu cargo, e que comezarán a partir de Reis, xa que durante o Nadal hai certa parálise no sector da construción».
O rexedor explicou que as obras retomaranse nese intre, co fin de facer logo do soterramento o pavimento definitivo. «Somos conscientes que é unha molestia para os cidadáns e non ter pavimento xera certos problemas, mais cremos que é importante que xa que se fai a obra quede soterrado todo o alumeado e quede a rúa do mellor xeito posíbel».