O Concello pon en marcha unha xeira de limpeza de farois co obxectivo de seguir mellorando os espazos públicos urbanos 

Serán limpados os báculos, e nalgúns casos repintados, un total de 180 báculos no centro da cidade 

O concelleiro de servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, visitou esta mañá os traballos de limpeza dos farois da cidade que se están a levar a cabo e que quedarían enmarcados dentro do resto de actuacións que nos últimos anos o Concello de Pontevedra puxo en marcha para manter, coidar e mellorar os espazos públicos urbanos.

«O mantemento dos espazos públicos é unha das prioridades do mandato, tal e como o comunicamos desde o primeiro minuto», indicou o edil. «Hai accións como é a limpeza dos farois, dos seus báculos, que poden pasar desapercibidas, pero no seu conxunto ofrecen unha imaxe da cidade máis mellorada, deixando atrás as pegatinas, as marcas de colas e demais».

Moreda indicou que esta primeira limpeza de farois realizarase en dez rúas da Boa Vila, sendo máis de 180 báculos os que quedarán para estado de revista, ao ser limpados e, nalgúns casos, repintados.

«Prestaríame facer un chamamento a toda a veciñanza para que non pinten nin peguen cousas nos farois pois ao final os cartos precisos para a súa limpeza saen de todos os cidadáns», explicou. «Os traballos de limpeza para os 180 báculos terán un custe próximo aos 36.000 euros».

Compartir publicación: