O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, para a renaturalización e resiliencia das cidades españolas
O edil César Mosquera deu conta da Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos celebrada a primeira hora. Alén dos asuntos incluídos na orde do día, o concelleiro quixo destacar os avances no proxecto para destapar e renaturalizar o río Gafos no seu tramo urbano, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecoógica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
«A primeira parte xa foi contratada no seu momento, unha asistencia técnica que logrou un bo traballo e que permitiu avanzar cara unha nova fase na que tivemos que tomar unha serie de decisións para pechar o proxecto definitivo que se realizará chegado o momento», explicou.
Cales son esas decisións? O concelleiro de Infraestruturas comentou as seguintes:
- Sacar os tubos de saneamento do río. Trátase dunha decisión para ofrecer garantías durante o proxecto, xa que unha vez se quite a soleira nalgún momento podería haber un movemento polo que estes elementos poderían correr certo risco. Serán removidos, polo xeral, tal e como indicou o edil. Son dous por cada lado e serán substituídos por outro que albergue cada parella.
- A mudanza dos tubos entrará dentro dos gastos elexíbeis da empresas concesionaria de auga. É dicir, este gasto a maiores, dentro do proxecto, que semella podería ser dun millón de euros, non sairá dos Fondos Europeos, senón que terían outra partida distinta.
- A obra farase completa e non por tramos. Esta decisión busca garantir a continuidade e eficacia do proxecto.
Nese sentido, é posíbel que actuacións puntuais vaian aparte, como as pontes de Alcalde Hevia ou Xeral Rubín.
Doutra banda, Mosquera indicou que o proxecto tamén incluirá a creación dunha pasarela e dunha zona de estancia no colexio de Campolongo, un espazo que estará deseñado para facilitar a recollida ou entrega das crianzas no centro escolar. Esta idea formaría parte parte das melloras na accesibilidade dentro do proxecto.Tal e como indicou o edil, o obxectivo marcado nestes intres é adxudicar as obras antes do 30 de xuño de 2025, tal e como establecen os requisitos dos fondos europeos.