O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda priorizou a actuación na senda dado que ten un uso intensivo polos pontevedreses e pontevedresas, e seguindo as instrucións do alcalde Fernández Lores de manter en perfecto estado de uso os espazos de lecer do concello.
As obras están en marcha para facer unha reparación branda en todo o firme, arranxando os danos das escorreduras da auga da chuvia dos últimos invernos.
A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda, está a realizar nestes días unha reparación da senda do Lérez no tramo entre o bombeo de Monte Porreiro e o seu remate na parroquia de Bora. Trátase dun espazo moi empregado pola veciñanza para camiñar e facer deporte que ten o pavimento de xabre bastante afectado polas escorreduras da chuvia dos últimos invernos. O concelleiro segue as instrucións do alcalde Fernández Lores que deu orde para que os espazos naturais de lecer estean en perfectas condicións de uso da veciñanza.
A Concellaría executa unha actuación branda -acorde co espazo- que consiste en reparar e facer practicable o firme da senda. Nos sucesivos invernos a auga da chuvia foi deteriorando o seu xabre facendo regatos e arrastrando terra, pedras e maleza que foi atoando as saídas naturais da auga. Isto provocou que, nalgúns puntos da senda, aparecesen regueiros polos que fluía a auga e pozas que os camiñantes ou deportistas tiñan que sortear e que facían difícil o seu tránsito.
Co propósito de sacar a auga do camiño, o concelleiro Xaquín Moreda ordenou a retirada de maleza e pedras, e a limpeza das canles das augas da chuvia e arranxar as que estaban deterioradas. Tamén se fixo achega de xabre e nivelouse toda a senda.
Os traballos aínda están en marcha e concluirán, nesta parte do sendeiro do Lérez, co arranxo do acceso pola parroquia de Bora facendo unha achega de xabre, tapando fochancas e pedras do camiño que dificultan o paso.
Cabe lembrar que o tramo da senda do Lérez entre Monte Porreiro e o bombeo aínda permanece pechado por mor das obras de reparación do noiro derribado polo temporal Kirk no mes de setembro. A reparación está moi avanzada e nos vindeiros días poderase abrir ao tránsito peonil.