Dende mañá pode retirarse a entrada para ver a película “La estrella azul” e asistir ao coloquio co seu director Javier Macipe e co seu director de fotografía Álvaro Medina, que tamén ofrecerá unha clase maxistral aberta ao público na facultade de Comunicación.
“La estrella azul” proxectarase o luns 16 de decembro no Teatro Principal ás 19.00 horas. A clase maxistral será ás 16.00 horas
A oficina de Turismo da avenida de Montero Ríos repartirá dende mañá as primeiras entradas de balde para asistir á programación do mes de decembro dos premios Feroz. Cabe lembrar que unha vez anunciados os nomeamentos aos #Feroz2025, Pontevedra acollerá en dous meses a moitos dos candidatos e candidatas que terán a oportunidade de compartir as súas películas e series co público da cidade.
A primeira cita é con “La estrella azul” (4 nomeamentos incluíndo mellor película dramática) que se proxectará ás 19.00 horas no Teatro Principal e rematará cun coloquio co seu director Javier Macipe e o director de fotografía Álvaro Medina. Ademais, ese mesmo día ás 16.00 horas, Álvaro Medina impartirá unha clase maxistral sobre dirección de fotografía e sobre o seu traballo nesta película na facultade de Comunicación. Ámbolos dous eventos son de balde e abertos ao público xeral previa retirada de entrada na caseta de Turismo.
Outras citas no Teatro Principal deste mes de decembro son:
- Xoves 19, coloquio cos creadores de ‘Nos vemos en otra vida’, os irmáns Jorge e Alberto Sánchez-Cabezudo, tras a proxección dos dous primeiros episodios da serie. (A retirada das entradas será a partir do xoves 12 de decembro)
- Sábado 21. De 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 17:30 proxectaranse os cinco primeiros capítulos de ‘Los años nuevos’ e xusto despois terá lugar unha charla co seu máximo responsable, Rodrigo Sorogoyen. (A retirada de entradas será a partir do sábado 14 de decembro)
- Os días 26, 27 e 28 celebrarase o ciclo especial dedicado a Jaime Chávarri, Premio Feroz Audi de Honor 2025 con ‘Las cosas del querer’, ‘Las bicicletas son para el verano’ e ‘El desencanto’. (A retirada das entradas será a partir dos días 19, 20 e 21 de decembro respectivamente).
A entrada é gratuíta a todas as sesións. As invitacións deben retirarse previamente na oficina de Turismo da Praza de España, desde sete días antes de cada actividade e ata completar o aforo. Máximo 4 localidades por persoa.
Os premios Feroz
Os Premios Feroz 2025, que destacan o mellor da produción audiovisual española do ano para a prensa especializada, están patrocinados polo Concello de Pontevedra así como por Legado Ibérico, marca premium do Pozo Alimentación e líder no sector do ibérico. Ademais, contan coa colaboración de Audi —Vehículo Oficial—, Cafés Candelas —Café Oficial— e co financiamento do Goberno de España – Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura.
A AICE é un grupo plural de máis de 220 xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cinema en televisión, radio, prensa e Internet de todo o país. Desde 2014 entregan os PREMIOS FEROZ® para destacar o mellor da produción audiovisual española do ano. Ademais dos galardóns anuais, a asociación outorga o Premio Feroz Zinemaldia no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Premio Feroz Puerta Oscura no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove á mellor curtametraxe no seo do festival do mesmo nome. A AICE tamén organiza o festival Lo que viene, o campus de cinema e series La Inmortal en Zaragoza e o programa de formación en xornalismo de cinema e series María Luz Morales.