Por vez primeira, o Concello entregará un folleto en todos os domicilios de Pontevedra animando á veciñanza a achegarse ao Mercado.
Coa chegada do Nadal, a Concellaría de Promoción Económica e a Asociación de concesionarias e concesionarios do Mercado de Abastos inician unha campaña de promoción e dinamización da praza municipal para que todos os veciños e veciñas de Pontevedra se acheguen a comprar neste Nadal.
No Mercado de abastos, a concelleira Anabel Gulías, acompañada da presidenta da nova asociación, Begoña Laya, explicou que “quería que unha das nosas primeiras accións fose unha campaña de dinamización e de ánimo á compra dos veciños e das veciñas precisamente neste equipamento, na Praza de Abastos”. Indicou que por vez primeira se enviará un folleto da campaña ás vivendas de Pontevedra (repartiranse 28.000 folletos) “no que expresamos dúas ideas moi sinxelas: é necesario un compromiso de todas nós para seguir revitalizando a praza, é dicir, temos que vir a comprar á praza e, en segundo lugar, é necesario que se produza un relevo xeracional do perfil da xente que compra na praza de abastos”.
Ademais, a concelleira lembrou que “cando se compra na praza estamos favorecendo a unha parte moi importante da economía galega: ao sector primario, polo tanto é necesario concienciar”.
Á campaña publicitaria súmaselle a programación de Nadal que a Concellaría de Promoción económica realizará no mercado de abastos “moi enfocada ao público familiar, coas badaladas infantís o día de fin de ano, con obradoiros para nenos e para nenas; recuperamos o Ganapán e a súa visitas ao primeiro andar e pechamos co concerto de Nadal de Toni Lomba”.
Pola súa banda a Asociación de concesionarios tamén está a promover a entrega de rifas entre os seus clientes para gozar dun fin de semana nun balneario de Galicia.