O festival celebrarase en Pontevedra do 10 ao 15 de decembro con 39 longametraxes
Todas as institucións resaltaron a internacionalización e valentía do certame
A novena edición de Novos Cinemas – Festival Internacional de Pontevedra presentouse hoxe co lema “defender aos que arriscan” nunha programación que, dende o 10 ao 15 de decembro, exhibirá no Teatro Principal de Pontevedra 39 longametraxes, das que nove serán estreas mundiais. “Queremos axudar a visibilizar o talento emerxente e facer comunidade. Hai unha forte conexión con Portugal e latinoamérica” afirmou Suso Novás, director artístico de Novos Cinemas.
O acto de presentación celebrouse esta mañá na Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra, coa presenza de varios representantes dalgunhas das institucións que colaboran nun certame que “se consolida dentro do circuíto de festivais audiovisuais”, recalcou Jorge Cubela, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra.
Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) puxo en valor “a especialización do festival en primeiros e segundos filmes de cineastas, a ollada cara a formación cos laboratorios de desenvolvemento e a internacionalización do festival, en especial a relación con Portugal”. “É importante esta valentía polo proxectos de máis vangarda, non apostar por fórmulas conservadoras, ofrecer unha visión completa do cine actual”, lembrou Demetrio Gómez, responsable da Área de dinamización social e cultural do Concello de Pontevedra.
Novos Cinemas reforza este ano o seu compromiso coa formación con CERES, unha nova sección competitiva que presentará catro longametraxes. “A aposta pola diversidade vese na programación das seccións OFICIAL e LATEXOS. E con CERES apostamos por visibilizar e socializar o que fai a xente das escolas e centros formativos de cinema de Portugal e España”, sinalou Suso Novás: “Tomamos como referente para a imaxe desta edición- unha fotografía de Amador Lorenzo e deseño de Andrés Froiz- o concepto dos skaters e dos surfistas, xente engaiolada co movemento e a cinética, móvense e asumen riscos, que é o que define ao cine emerxente e á cultura”.
“Os espazos de formación son moi importantes, incluso a presenza do alumnado da universidade nalgún dos xurados”, indicou Eva María Lantarón, vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo: “A colaboración da Universidade con Novos Cinemas é indispensable porque o campus está moi vencellado co cine”. Un exalumno do campus pontevedrés, Alberto Gracia, abre o festival o día 10 coa proxección de La Parra, un dos filmes do ano.
Todas as persoas interesadas en asistir ao festival poden comprar os seus abonos ou entradas a través da páxina web www.novoscinemas.com.