Search
Close this search box.

Recinto e Pazo póñense a punto para recibir aos Feroz 

Un investimento de máis de 300.000 euros permitirá arrombar toda a explanada de estacionamento superior, retirar pintadas e graffitis, substituír vidros, pintar o Recinto, refacer os cuartos de baño, instalar un ascensor, cambiar os cadros eléctricos, substituír a led toda a iluminación exterior do Recinto e do Pazo… entre outras melloras que xa comezaron esta semana. 

O Recinto Feiral e o Pazo da Cultura comezan a poñerse a punto para a celebración da gala dos Premios Feroz o vindeiro 25 de xaneiro. Todo o ámbito, tanto interior como exterior, require de traballos de reparación, adaptación e mantemento para que luza espectacular para a gala, pero que tamén redundarán no éxito doutras citas culturais da cidade en 2025 como a Bienal de Arte.

As obras comezaron esta semana polo que a Concellaría de Cultura, que dirixe Demetrio Gómez, agradece a colaboración que tiveron e están a ter tanto a Universidade de Vigo e a facultade de Deseño de moda como os organizadores do Culturgal, xa que nalgún momento da produción tanto do desfile como da feira cultural teñen que convivir coas obras.

O concelleiro Demetrio Gómez explica que estas obras supoñen un esforzo de coordinación moi importante que se pode facer grazas ao bo funcionamento da administración municipal, xa que están implicadas os servizos de Infraestruturas culturais, Promoción da cidade, Servizos urbanos básicos e a Oficina Técnica de Arquitectura. O investimento supera os 300.000 euros que se imputarán a distintos contratos asumidos polos distintos departamentos que participan neste acondicionamento.

A instalación dun ascensor, a reforma dos aseos, o pintado do recinto, a substitución dos cadros eléctricos, a limpeza exterior do edificio do recinto feiral e da súa contorna, a mellora da iluminación son algúns dos proxectos que se acometerán até a semana anterior á celebración da Gala dos premios Feroz.

Ao respecto da iluminación, o proxecto inclúe a substitución a tecnoloxía led da iluminación exterior, dos embelecedores da fachada e das luminarias nas entradas do Recinto feiral. Tamén está incluída a substitución das luminarias na entrada do auditorio.

Outra actuación será o pintado da entrada superior do Recinto Feiral, máis de 800 metros cadrados. Será o balcón ao que se accede dende o estacionamento superior por onde está prevista a entrada dos asistentes á gala o vindeiro 25 de xaneiro.

Precisamente dende este balcón instalarase un novo ascensor panorámico que fará accesible o edificio do Recinto Feiral.

Tamén no interior se propón a demolición e reforma dos aseos que inclúe unha nova conexión exterior á rede de saneamento xa que a actual ten problemas de atoamentos. Tamén está previsto a reparación e recolocación de novos pavimentos, mellora da accesibilidade, iluminación etc.

Outra actuación importante será a reforma dos cadros e das liñas eléctricas da instalación, xa que é unha actuación imprescindíbel para que se poidan facer retransmisións televisivas dende el.

Limparanse os cristais e os paneis perforados do Recinto, substituíndo os vidros que estean fracturados. Tamén se fará unha limpeza exterior retirando graffitis e outras pintadas.

Toda a parte exterior do Recinto Feiral, é dicir, o estacionamento en superficie e os seus accesos tamén se beneficiarán destas melloras coa reparación do pavimento, limpeza, reparación e adecentamento de escavas ou o seu peche, de ser o caso…

Esta actuación xeral do Recinto Feiral vénse a complementar coa substitución dos vidros do lucernario no acceso ao Auditorio do Pazo da Cultura que quebraron co último temporal. É un traballo que xa está moi avanzado pero aínda non se ten rematado.

Compartir publicación: