Search
Close this search box.

Os Premios Feroz farán un acto público na cidade para dar a coñecer aos nominados e nominadas desta edición

O Teatro Principal será o escenario no que se escoitarán o nome das obras e persoas que poderán ser galardoadas o vindeiro 25 de xaneiro, na gala

O acto comezará ás 12 horas e a entrada é libre sendo preciso a súa retirada na caseta de Turismo da Praza do Concello, desde este xoves; contará coa participación da actriz Clara Galle e do actor Álvaro Rico

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da edil de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e a produtora executiva dos Premios Feroz, Laura Seoane; presentou esta mañá o acto de nominacións que se realizará no Teatro Principal o vindeiro 28 de novembro, ás 12.00 horas.

Por vez primeira, a cidadanía poderá asistir a este anuncio de xeito público, coñecendo de primeira man os nomes das obras e persoas nominadas que poderán alzarse con algún dos galardóns outorgados pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) o vindeiro 25 de xaneiro. O acto do 28 de novembro será de balde e con entrada libre até completar o foro do Principal. As entradas poden ser retiradas desde este xoves na caseta de Turismo da Praza de España.

Durante o acto serán reveladas as 11 nominacións relacionadas co cinema e as 7 coas series de televisión. A presidenta da AICE, María Guerra, conducirá a presentación, contando coa participación da actriz Clara Galle (A través de mi ventana, El internado: Las cumbres) e do actor Álvaro Rico (Élitel, El Cid).

O rexedor da cidade quixo destacar o impacto notable que os Feroz están deixando xa na cidade, a través de toda a programación previa, que foi contando cunha importante asistencia cidadá, dando conta do éxito das proxeccións e os distintos encontros e charlas.

Compartir publicación: