O proxecto está cofinanciado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, para a renaturalización e resiliencia das cidades españolas.
O propósito é retirar as especies exóticas invasoras como mimosas, eucalipto robinia ou herba da pampa, entre outras.
O Concello de Pontevedra vén de sacar a contratación a redacción do proxecto da restauración ecolóxica e mellora da biodiversidade da Xunqueira de Alba, que estará xestionado polo concelleiro de Servizos urbanos básicos e responsable dos parques urbanos, Xaquín Moreda. O proxecto ten un orzamento de 15.887,30 euros (ive engadido) e un prazo para a súa presentación de dous meses.
A restauración ecolóxica e mellora da biodiversidade da Xunqueira de Alba está cofinanciada polas axudas para o fomento de actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia das ciudades españolas, xestionadas pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
A actuación contempla a eliminación ou redución das especies exóticas invasoras presentes no Enil Xunqueira de Alba e deberá incluír un plan de mantemento posterior.
O ámbito abarca a marisma propiamente dita, a pasarela anterior a ponte Magueiro ata a parte final á altura da nave da Cross. Neste ámbito inclúense as seguintes actuacións:
- Eliminación de acacia, mimosa, eucalipto e robinia.
- Eliminación de Cortaderia selloana e Arundo donax.
- Propostas de actuación para a eliminación de Tradescantia fluminensis e Cotula coronopifolia.
- Curta de xunco. Debe contemplarse a curta, retirada e eliminación do material vexetal extraído.
Debe integrarse no proxecto un estudo previo do espazo con valoración das condicións actuais e necesidades a contemplar no proxecto con especial incidencia sobre o estado actual das especies invasoras no ecosistema de marisma.
A Xunqueira de Alba
Segundo os propios pregos do proxecto, o principal problema que ameaza a conservación da biodiversidade da Xunqueira de Alba é o control das especies exóticas invasoras, tanto vexetais como animais. Ademais disto, en paralelo debe facerse un traballo de manexo da marisma para o que se deben sentar as bases realizando labores de eliminación do exceso de materia orgánica acumulada.
O ámbito de traballo, o ENIL da Xunqueira de Alba, é unha marisma salobre, sometida á influencia das mareas que se forma na desembocadura do río Rons ou Alba. As zonas húmidas son espazos moi sensibles e de gran valor ecolóxico que sufriron graves problemas de conservación nas últimas décadas debido á acción do home. A marisma está moi próxima á cidade e debido á presión urbanística que sufriu nas últimas décadas, viu moi reducida a súa extensión.
Ademais foi obxecto doutras agresións como recheos, a existencia dun vertedoiro sobre a propia marisma ou usos inadecuados.
Afortunadamente, os cambios en materia de conciencia ambiental frearon estas prácticas e permitiron a súa recuperación polo que aínda se pode gozar dun espazo natural de gran importancia ambiental chegando a ser declarado Espazo Natural de Interese Local.
Pero iso non implica que estea libre de problemas. Un dos principais impactos negativos que sofre a marisma na actualidade, é a existencia dun elevado número de especies invasoras. A presenza de especies exóticas invasoras é unha das principais problemáticas asociadas á perda de biodiversidade.
Neste lugar están identificadas, especies de vexetais arbóreas invasoras como son a mimosa (Acacia dealbata), eucalipto (Eucalyptus globulus), acacia negra (Acacia melanoxylon), robinia (Robinia pseudoacacia) e herba da pampa (Cortaderia selloana). Tamén herbáceas como Tradescantia fluminensis, Cotula coronopifolia e Arundo donax. Se falamos de fauna, entre outros, identificouse a presenza de exemplares de Procambarus clarkii (cangrexo de río americano).