Search
Close this search box.

A deseñadora nominada aos Óscar Bina Daigeler e o animador Alberto Vázquez estarán esta semana en Pontevedra

Conversando sobre animación con Alberto Vázquez. Martes 19 de novembro, 19:00 horas. Facultade de Belas Artes (Rúa da Maestranza, 2)

Conversando sobre deseño de vestiario con Bina Daigeler. Mércores 20 de novembro ás 19:30. Facultade de Belas Artes (Rúa da Maestranza, 2)

Este martes e este mércores estarán en Pontevedra o animador Alberto Vázquez e Bina Daigeler, deseñadora de vestiario de Almodóvar e nomeada ao Óscar. Ambos son protagonistas de dous das actividades previas dos Feroz 2025 no mes de novembro, que celebrará a súa gala de entrega o vindeiro 25 de xaneiro.

A Facultade de Belas Artes acollerá as clases maxistrais destes dous creadores: Alberto Vázquez. O cineasta coruñés, ilustrador e debuxante de cómics (entre moitas facetas) compartirá cos asistentes como é o seu traballo no sector da animación e como foi a xestación de ‘Unicorn Wars’, filme que en 2022 se fixo co Goya á Mellor película de animación e foi candidato ao Feroz Arrebato de ficción (entre outros nomeamentos da tempada).

Bina Daigeler estará en Pontevedra o mércores 20 de novembro ás 19:30, coa colaboración de Debut (a pasarela do máster en Dirección Creativa e Deseño en Moda que se imparte en Pontevedra). Esta figurinista alemá afincada en España conta cun nomeamento aos Premios Óscar 2020 polo vestiario de ‘Mulan’ (Niki Caro) e falará de todos os fitos da súa extensa carreira, na que traballou con Pedro Almodóvar e Jim Jarmusch, entre outros cineastas.

Ao día seguinte, xoves 21 de novembro, Daigeler será recibida no Concello e asinará no libro de honra. A entrada a todas as sesións é de balde. As invitacións deben retirarse previamente na oficina de Turismo da Praza de España de Pontevedra, desde sete días antes de cada actividade e ata completar o aforo. Máximo 4 localidades por persoa.

Continúa así a programación de actividades previas dos Feroz 2025, que se estende ao longo de todo o outono e que convoca na cidade a algúns dos principais creadores do cinema e as series españolas.

Compartir publicación: