Remata a primeira fase do saneamento de Verducido coa pavimentación de todas as vías e a conexión de 87 vivendas 

A concelleira María José Abilleira visitou estes días os últimos traballos de asfaltado que rematarán co pintado da sinalización horizontal das vías que se abriron para colocar as tubaxes de rede xeral.

A segunda fase está parada porque un particular nega a posibilidade de pasar os tubos pola extrema da súa propiedade. Esta segunda fase tería un custe de 2,3 millóns e podería dar servizo a unhas 200 vivendas. 

O Concello de Pontevedra vén de rematar nestes días a primeira fase do saneamento de Verducido coa pavimentación das estradas polas que se soterraron as tubaxes. Trátase da zona sur que abrangue os lugares de Verducido e Covadáspera nos que o Concello fixo un investimento de 2.428.982,77 euros. Nestes días poderán conectarse as 87 vivendas que solicitaron a alta.

A concelleira do rural, María José Abilleira visitou os últimos traballos de reposición do firme que consistiron no fresado das vías e posterior asfaltado de todo o seu ancho, ademais do pintado da sinalización horizontal e instalación da vertical. Nesta última actuación pavimentáronse 12.000 metros cadrados que sumados aos xa realizados no Outeriño e na estrada provincia EP-0011, fan un total de 20.500 metros cadrados de asfalto nesta primeira fase.

Viaqua, a empresa concesionario do servizo de abastecemento e saneamento do concello, xa está a enviar as cartas aos veciños para que se dean de alta unha vez que os particulares fixeron as acometidas á rede xeral. Na actualidade engancháronse 87 vivendas das 109 que puideran ter o servizo. As que non o fixeron, pódeno solicitar a posteriori pero deberán repoñer o espazo público ao seu estado orixinal, é dicir, pavimentado tal e como está agora.

A primeira fase do saneamento de Verducido comezouse o pasado mes de xullo logo de que o Concello, por mediación directa da concelleira María José Abilleira, conseguira a autorización dun particular para pasar as tubaxes pola extrema da súa propiedade. Esta autorización permitiu continuar o saneamento e dar a posibilidade de conectarse a esas máis de 100 vivendas.

Esta non é a situación da segunda fase do saneamento na parroquia de Verducido valorada en máis de 2,3 millóns de euros e que dará a posibilidade de conectarse a unhas 200 vivendas. A concelleira María José Abilleira desvelou que volve a existir un impedimento por parte doutro veciño que debe autorizar o paso dos tubos pola extrema da súa propiedade.

María José Abilleira confesa que “aínda albergo esperanzas de que a persoa cambie de parecer porque é a única posibilidade para que ese grupo de vivendas do lugar da Abilleira, incluída a do veciño que non deixa pasar, poida conectarse ao saneamento sen ter que bombear”. De todos os xeitos, a concelleira anunciou que os equipos técnicos continúan a buscar posibilidades de dar servizo ao lugar aínda que sexan menos beneficiosas para o residentes na Abilleira.

Compartir publicación: