Comezará ás 18.30 horas e o coloquio posterior correrá a cargo de Laura Seoane, productora executiva dos premios Feroz.
A programación previa á celebración da gala dos Premios Feroz continúa a súa andaina este novembro en Pontevedra. A proxección prevista para mañá, 15 de novembro, é Jamón, Jamón (Bigas Luna, 1992) que comezará ás 18.30 horas na facultade de Comunicación. Ao seu remate, Laura Seoane, productora executiva dos premios Feroz abordará a presenza feminina na película. Estaba prevista a presenza de Beatriz Martínez, xefa de Cultura de Infobae España, que non se pode achegar a Pontevedra por un problema de saúde.
Penélope Cruz e Javier Bardem comezaron as súas espectaculares carreiras coa primeira parte da triloxía ibérica dirixida por Bigas Luna, gañador con esta película do León de Prata á mellor dirección no Festival de Venecia 1992.
Sinopse: José Luis é o fillo dun adiñeirado matrimonio que posúe unha fábrica de roupa interior masculina, na que traballa a súa noiva Silvia. Cando ela queda embarazada, el promete casar con ela a pesar da oposición dos seus pais. Co fin de frustrar esa voda non desexada, a nai decide contratar a un novo aspirante a toureiro para que seduza á nova.
Duración: 95 min.
Ao igual que no mes de outubro, a entrada ás proxeccións é de balde pero hai que retiralas na Oficina de Turismo da cidade, situada na praza de España. Pódense coller sete días antes de cada proxección até máximo de 4 localidades por persoa. Aqueles convites que non se entreguen repartiranse cinco minutos antes do inicio da proxección na facultade de Comunicación.
Con estas proxeccións de cinema achégase ao público clásicos modernos do cine español dentro dun ciclo especial con perspectiva feminista. Analízanse algúns títulos poñendo sobre a mesa os roles dos personaxes femininos, as historias, certos aspectos formais… elementos que teñen contribuído a que as películas constrúan o imaxinario sobre o que se sustenta a sociedade heteropatriarcal actual, independentemente da súa calidade cinematográfica.
Premios Feroz
Os Premios Feroz 2025, que destacan o mellor da produción audiovisual española do ano para a prensa especializada, están patrocinados polo Concello de Pontevedra así como por Legado Ibérico, marca premium do Pozo Alimentación e líder no sector do ibérico. Ademais, contan coa colaboración de Audi —Vehículo Oficial— e co financiamento do Goberno de España – Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura.
A Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) é un grupo plural de máis de 250 xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cinema en televisión, radio, prensa e Internet de todo o país. Desde 2014 entregan os PREMIOS FEROZ® para destacar o mellor da produción audiovisual española do ano. Ademais dos galardóns anuais, a asociación outorga o Premio Feroz Zinemaldia no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Premio Feroz Puerta Oscura no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove á mellor curtametraxe no seo do festival do mesmo nome. A AICE tamén organiza o festival Lo que viene, o campus de cinema e series La Inmortal en Zaragoza e o programa de formación en xornalismo de cinema e series María Luz Morais.