Malia que terá programación anual, a ESP da os primeiros pasos cun limiar de cinco actividades informativas e formativas que terán lugar na Casa Azul nos meses de novembro e decembro
Está aberto o prazo para que as asociacións socio-sanitarias presenten propostas de actividades (charlas, debates, obradoiros, actividades lúdico-formativas..) para desenvolver no ano 2025.
A Escola de Saúde Pública-ESP de Pontevedra comeza a andar na recta final do ano cun programa de actividades, guiadas polos principios que definen o proxecto impulsado pola Concellería de Benestar Social que dirixe Anabel Gulías: contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas promover hábitos de vida saudables, ser un espazo de participación, información e coñecemento do traballo altruísta desenvolvido polas asociacións socio-sanitarias e defender a sanidade pública como piar esencial dunha sociedade equitativa, igualitaria e solidaria.
Malia que a programación será anual, a ESP-Escola de Saúde Pública da os seus primeiros pasos, a modo de limiar, con cinco actividades emanadas da derradeira Feira da Saúde e Benestar-Pontesán, unha cita consolidada como o mellor escaparate do traballo desenvolvido polo tecido socio-sanitario de Pontevedra e Galicia e chamada a ser un punto de encontro e reflexión na programación anual da ESP.
Co fin de avanzar no organización do vindeiro curso da ESP, está aberto o prazo para que as asociacións socio-sanitarias presenten propostas de actividades (charlas, debates, obradoiros, actividades lúdico-formativas..) para desenvolver no ano 2025.
A Sala Valdecorvos da Casa Azul (Rúa Sor Lucía nº 4) acollerá esta primeira programación da Escola de Saúde Pública de Pontevedra. Todas as actividades comezarán ás 19.00 horas e serán en venres. O acceso é libre e gratuíto ata completar aforo. A ESP abre as súas portas este venres 15, cunha charla-coloquio sobre “Dereitos e deberes” dos doentes transplantados, conducida polos traballadores sociais Francisco Pérez Alonso e Sara Martínez Martínez Está organizada pola Asociación de loita contra as enfermidades do Ril- Alcer Pontevedra.