O Concello de Pontevedra presenta a campaña do 25-N: Son muller, son Diana: a quen teñen que apuntar para que che importe?

Anabel Gulías, concelleira de Igualdade: “Temos que poñer no centro da axenda política, da axenda pública, que nos seguen matando por ser mulleres”

O despregamento da pancarta co lema do 25-N na fachada da Casa Consistorial será o vindeiro martes, 19 de novembro e o día 25 inaugurarase unha intervención artística permanente en recordo das vítimas na praza da Audiencia

A xornalista e escritora Cristina Fallarás  exporá o seu traballo coas vítimas da violencia machista nun acto que terá lugar no Teatro Principal o 17 de decembro 

Son muller, son Diana, lema da campaña do 25-N do Concello de Pontevedra, que presentou hoxe a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías. Aínda cos ecos do último asasinato machista, a veciña de Baiona Estela B.S. e a poucas semanas da veciña de Pontevedra, Fadua; a concelleira subliñou “a necesidade de reivindicar, de poñer no centro da axenda política, da axenda pública que nos seguen matando por ser mulleres”.

A campaña quere transmitir mensaxes claras “fronte a certos temas que, nos últimos tempos, están sendo obxecto de negacionismo político”, indicou Gulías Torreiro. A proposta municipal artéllase e pon o foco en dúas cuestións: 

  1. Tratar a violencia machista como unha cuestión estrutural. “Non falamos do caso de catro tolos que matan as súas mulleres; é unha cuestión que ten que ver co patriarcado, coa educación, que ten que ver coas prácticas políticas, coas prácticas que todas e todos temos na esfera pública e na esfera privada… nos matan, por sermos mulleres”, explica a concelleira de Igualdade
  2. Loitar contra a percepción de que os asasinatos machistas son unha efeméride máis. “Percibimos que cada vez que asasinan a unha muller, respondemos dun xeito rutineiro: unha concentración diante das institucións, cando un feito así tiña que sacar ás persoas ás rúas para reclamar xustiza, reparación e dignidade”, indico Anabel Gulías. “É un regueiro de mulleres asasinadas pola violencia machista, que leva a preguntarnos a quen teñen que apuntar para que che importe (subtítulo da campaña 25-N)”, engadiu.

Catro mulleres de Pontevedra prestan a súa imaxe para os carteis de Son muller, son Diana. Son catro veciñas de Pontevedra, de distinta idade e perfil, que amosan que a violencia machista cébase na metada da poboación polo feito de ser muller. 

A campaña gráfica Son muller, son Diana. A quen teñen que apuntar para que che importe? É un piar esencial dunha programación que inclúe tamén a inauguración dunha intervención artística que deixará unha pegada permanente na praza da Audiencia de Pontevedra en lembranza das vítimas da violencia machista: 32 persoas (20 mulleres e 2 nenos) da provincia, desde o 2003.

Ademais terá como colofón, o 17 de decembro, unha charla-coloquio coa xornalista e escritora Cristina Fallarás, que traballa desde hai anos na recollida de testemuños de mulleres que sufriron violencia machista para que non caian no esquecemento. Con ela estará a ex-concelleira de Igualdade, Carme Fouces, impulsora da campaña #PrimAcoso do Concello de Pontevedra.

PROGRAMACIÓN 25-N

Os fitos da campaña 25-N que tinguen de violeta o mes de novembro, arroupados coa imaxe gráfica presentada hoxe. Son os seguintes

  • Premios Feroz. Con perspectiva feminista

Venres 15, ás 18.30 horas na Facultade de Comunicación de Pontevedra. Proxección da película Jamón, jamón de Bigas Luna e coloquio con Laura Seoane, productora executiva dos premios Feroz.

Xoves 21, ás 18.30. Proxección de Amanece que no es poco de José Luis Cuerda. Coloquio con Marta Armengou, fundadora e directora de filmtopia.net

  • Ciclo Conversas do primeiro andar do Mercado

Xoves, 21, ás 20.00 horas. Presentación do libro “Que no se te note” de Rocío Saiz.

Presentación da adega Anónimas Viticultoras (Cristina Yagüe e María Falcón)

Showcase de Buenatarde e Rocío Saíz

  • Luns 18 de novembro. Lectura do manifesto 25-N do Concello de Pontevedra no Pleno municipal, a cargo do Colexio de Psicoloxía de Galicia.
  • Martes 19, ás 11.30 horas. Despregamento da pancarta do 25.N na fachada da Casa Consistorial.
  • Luns 25, ás 11.00 horas. Inauguración dunha intervención artística permanente en memoria das vitimas da violencia machista da provincia: 32 desde o ano 2003. Na praza da Audiencia.
  • Martes 17 de decemebro, ás 20.00 horas no Teatro Principal.  A xornalista e escritora Cristina Fallarás e a ex-concelleira de Igualdade, Carme Fouces, falarán sobre espazos seguros de denuncia para as mulleres vítimas da violencia machista.

Compartir publicación: