A concelleira de Deportes, Anabel Gulías explicou que dende finais de agosto tramitáronse as axudas deportivas de 2023 e 2024 que están en período de alegacións e poderán pagarse a final de ano.
Tamén están adxudicadas provisionalmente as subvencións ás Escolas deportivas municipais 2024/25.
Xunto ás axudas deportivas tramitadas a través de Visit Pontevedra, o deporte de base e os clubs locais recibiron 1.09.732,67 euros neste 2024.
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías explicou esta mañá que o Concello de Pontevedra está ao día na tramitación das convocatorias das axudas aos clubs deportivos da cidade logo de xestionar dende finais de agosto a convocatoria de 2023, a de 2024 e tamén a convocatoria das Escolas deportivas 2024/25. Anabel Gulías explicou que “o alcalde deu unha instrución bastante clara ao Servizo de Deportes de poñernos o día coas subvencións aos clubs da cidade. E eu creo que xa podemos dicir que este compromiso está cumprido”.
Dixo que o pasado 30 de outubro resolveuse provisionalmente as axudas de 2023 e o 8 de novembro ás de 2024. A maiores, o pasado 8 de novembro tamén se resolveu provisionalmente a convocatoria de axudas das Escolas deportivas 2024/2025. Todas elas outórganse seguindo criterios obxectivos como a categoría deportiva na que xogan, os desprazamentos…
No caso das axudas de 2023 recibíronse 55 solicitudes que foron admitidas e supuxo un reparto de 300.000 euros. Na convocatoria de 2024 presentáronse 56 solicitudes e rexeitouse unha petición porque o club tiña o domicilio social noutro concello. Nas 55 admitidas adxudicáronse outros 300.000 euros.
No caso das Escolas deportivas presentáronse 38 clubs deportivos máis dous de deporte adaptado. A cantidade distribuída foi de 199.832,67 euros.
As axudas de 2023, 2024 e as Escolas deportivas 24/25 supoñen un montante de 799.832,67 euros aos que hai que engadir os fondos aos clubs deportivos que proceden da Sociedade de Turismo Visit Pontevedra que mobiliza 295.900 euros. “En total, nesta anualidade, imos a investir no deporte base e nos clubs da cidade máis de un millón de euros, en concreto, 1.09.732,67 euros” indicou a concelleira de Deportes e Turismo.
Unha vez aprobadas as resolucións provisionais, ábrese un prazo de alegacións que -segundo cal sexa a convocatoria- remata ao longo do mes de novembro, para despois solicitar informes sectoriais a distintos departamentos municipais e ser aprobadas definitivamente pola Xunta de Goberno. Dende ese momento o club poderá recibir o 30% da axuda en concepto de anticipo e, a continuación, presentar a xustificación para reclamar o resto da axuda.
A concelleira confirmou que hai clubs que xa teñen preparada toda a documentación para que se poida tramitar o resto da subvención dende a aprobación da Xunta de Goberno.
Tamén avanzou que o servizo xa traballa na convocatoria de 2025 “na que nos gustaría facer algunha modificación nas bases das subvencións de clubs con tempo para favorecer o deporte feminino e o deporte adaptado”.
Logo do inxente traballo realizado dende finais do mes de agosto, a concelleira quixo “agradecer expresamente ao Servizo de deportes do Concello de Pontevedra o traballo feito nos últimos meses. Non só aos que estiveron a cargo das axudas, senón tamén aos que permitiron que aparte de todo isto organizáramos un Mundial de Loita, un Europeo de Ciclocross, e todas as probas que se fixeron nesta cidade”.
Rematou destacando que “este ano mobilizamos un volume de recursos públicos importantísimos para o deporte local e para o deporte de base”.