Search
Close this search box.

Mañá abre a inscrición para as visitas guiadas da Casa Consistorial 

A páxina web municipal pontevedra.gal terá operativa a partir de mañá ás 12.00 horas a plataforma de solicitude para participar nas visitas guiadas á renovada Casa Consistorial. Con motivo da inauguración oficial da rehabilitación do Concello, a Alcaldía organiza visitas guiadas abertas ao público e de balde para coñecer a reforma e a historia do edificio.

As visitas comezarán o martes, 19 de novembro e rematarán o luns, 25 de novembro (sábado e domingo incluídos). Serán pola tarde en horarios de 17, 18 e 19 horas en grupos de 15-20 persoas. Para participar nestas visitas será necesario inscrición previa na páxina web municipal. A inscrición ábrese mañá ás 12.00 horas.

Os guías darán a coñecer as instalacións renovadas tanto no soto, como na planta baixa (á que volverán os servizos técnicos municipais) e na primeira planta, onde se sitúa a área institucional do Concello. Todos os participantes recibirán un cadríptico con información da obra e da historia do edificio para poder seguir a visita.

A apertura oficial da Casa Consistorial será o vindeiro 15 de novembro ás 18.00 horas cun acto institucional ao que están convidados todos os membros das Corporacións municipais dende 1979, arredor de 160 persoas. Estará presidido polos tres alcaldes vivos: Miguel Anxo Fernández Lores, Juan Luís Pedrosa Fernández e José Rivas Fontán, que dirixirán unhas palabras a todos os convidados.

Pendente de rematar o protocolo do acto, está previsto que os convidados coñezan a reforma da Casa Consistorial e logo participen dun ágape que se servirá na planta baixa do edificio.

Ademais, o luns 18 de xaneiro a Casa Consistorial estará lista para acoller o primeiro pleno ordinario da Corporación municipal actual, abandonando definitivamente o Teatro Principal onde se trasladou hai uns 25 anos.

Compartir publicación: