Search
Close this search box.

O Gafos e a Xunqueira da Gándara, exemplo de estratexia verde no World Urban Forum da ONU-Hábitat no Cairo 

O modelo de Pontevedra e a súa aposta pola recuperación dos espazos naturais urbanos e rurais chegou onte ao Cairo, onde se celebrou o World Urban Forum (WUF), organizado polo Programa das Nacións Unidas para os Asentamentos Humanos (ONU-Hábitat) para que os gobernos locais e rexionais compartan as súas experiencias sostibles. O concelleiro de Servizos urbanos básicos, responsable das áreas verdes da cidade, Xaquín Moreda puxo en común propostas como a recuperación do parque dos Gafos ou a recuperación da Xunqueira da Gándara, incluídos dentro da estratexia verde da cidade. En ámbolos dous proxectos traballa na actualidade o Goberno Local.

O World Urban Forum reúne cada dous anos a líderes, expertos e representantes de diversas organizacións para tratar temas relacionados coa urbanización sostible e o desenvolvemento urbano a nivel mundial. Na cita celebrada onte, Pontevedra compartía mesa co Ministerio de Planificación Física, Construción e Patrimonio do Estado de Croacia e do Banco Europeo para a Reconstrución e o Desenvolvemento.

Pontevedra forma parte do Partnership Greening Cities da Axenda Urbana da Unión Europea e do que forman parte outras cidades europeas, gobernos estatais como Croacia, e diferentes unidades da Comisión Europea. Este grupo de traballo está a desenvolver un Plan de Acción que apoie a posta en marcha de iniciativas que axuden a reverdecer as cidades e a adaptalas aos efectos do cambio climático, mellorando a súa habitabilidade a medio e longo prazo. Pontevedra está a liderar actualmente 1 das 6 accións definidas, centrada en establecer un sistema europeo de indicadores para avaliar a implementación de plans locais de infraestrutura verde ou de renaturalización urbana.

Compartir publicación: