O prego inclúe que a recollida de papel/cartón do pequeno comercio será, cando menos, en toda a área comercial e farase, polo menos, 5 días á semana.
A recollida porta a porta do vidro farase, como mínimo, no centro histórico e rúas adxacentes e, polo menos, tres días á semana.
Trátase dun servizo xa implantado que se quere ampliar e mellorar, e que se prestará a maiores da reciclaxe nos colectores azuis e de vidro que a concesionaria instalará para fogares e domicilios.
O salto cualitativo que o Goberno local de Pontevedra busca na xestión dos residuos da cidade coa posta en marcha do novo contrato tamén chegará ao pequeno comercio local. Unha das obrigas que terá a nova empresa adxudicataria será a continuidade e mellora do servizo “porta a porta comercial”, é dicir, a recollida do papel e do cartón e de vidro do pequeno comercio local.
O denominado “porta a porta comercial” é unha experiencia que xa ten en marcha o Concello e que funciona ben, pero o Goberno local quere ser máis ambicioso e aposta por estendela a toda a área comercial da cidade.
Ao respecto da recollida da fracción de papel e cartón, o prego inclúe que “o servizo será prestado, polo menos, nas zonas comerciais de todo o concello ». Na actualidade este servizo atende á zona centro seguindo unhas rutas preestablecidas. Ademais, indica que a recollida será, cando menos, de cinco días á semana.
Tamén se manterá a recollida de vidro “porta a porta”, especialmente nos ámbitos de restauración pero tamén nas oficinas, no sector terciario, no comercio e servizos, locais de lecer… Especificamente aborda a situación do centro histórico. Indica a este respecto que a recollida de vidro “porta a porta” incluirá, como mínimo, o ámbito da zona monumental e demais locais adheridos na actualidade e a frecuencia de retirada será, cando menos, de tres días á semana.
Loxicamente, este servizo exclusivo para o pequeno comercio é unha singularidade do servizo xeral que se prestará aos fogares e domicilios. A proposta xeral para as vivendas é o sistema de colectores de reciclaxe azuis e os iglús verdes (neste momento), tanto para o ámbito urbano como para o rural.
Aínda que esta é a proposta do prego, a concesionaria poderá adaptar o seu proxecto de explotación en función destas variables, sempre que cumpra as condicións establecidas polo Concello e a normativa vixente, previa aprobación polo Concello de Pontevedra.