Search
Close this search box.

A Casa Consistorial abrirase ao público cun acto institucional no que participarán todas Corporacións dende 1979 

A inauguración está prevista para o venres, 15 de novembro, a partir das 18 horas. Están convidados 166 concelleiros e concelleiras municipais que estarán presididos polos tres alcaldes vivos na actualidade: Lores, Pedrosa e Rivas, que dirixirán unhas palabras aos presentes.

A Alcaldía tamén organiza visitas guiadas de balde e abertas a toda a cidadanía á Casa Consistorial a partir do martes 19 de novembro.

O primeiro pleno ordinario da Corporación Municipal na Casa Consistorial será o luns, 18 de novembro. 

O Concello de Pontevedra inaugurará o vindeiro venres, 15 de novembro a partir das 18.00 horas a Casa Consistorial cun acto institucional ao que están convidados todos os membros integrantes das corporacións municipais dende 1979, é dicir, 12 corporacións. Así o indicou esta mañá a tenente de alcalde Eva Vilaverde, responsable da organización do acto institucional por mandato do alcalde.

“Ímolo facer homenaxeando a todas as persoas que formaron parte das corporacións durante o réxime constitucional, é decir, dende as eleccións de 1979”, explicou a concelleira que indicou que “quen vai a presidir este acto serán os tres alcaldes que en este momento están vivos: Miguel Anxo Fernández Lores -actual alcalde- Juan Luís Pedrosa e José Rivas Fontán”. Os dous últimos recibiron persoalmente a chamada do alcalde Lores e confirmaron a súa presenza e presidencia do acto.

“O resto de concelleiros e concelleiras estaremos alí encantados de volver ao salón de actos”, afirmou Eva Vilaverde quen indicou que esta inauguación tamén pretende “poñer en valor a recuperación dun edificio clave para esta cidade, na evolución de Pontevedra, e a mellor maneira de facelo é convidando a todos e todas as persoas que representaron e representan os veciños e veciñas de Pontevedra durante todo este tempo”.

Están convidados 166 representantes institucionais vivos que recibiron un convite persoal e intransferible dende a Alcaldía esta mesma semana.

Pendente de rematar o protocolo, está previsto que os tres alcaldes dirixan unhas palabras aos concelleiros e concelleiras, visiten o remocicado edificio e degusten un ágape que se porá na planta baixa do edificio, que en vindeiras semanas ocuparán os servizos técnicos municipais.

Con motivo da celebración da inauguración da Casa Consistorial, a Alcaldía tamén está a organizar visitas guiadas. Serán de balde, abertas a toda a cidadanía e durante unha semana, do martes 19 de novembro ao luns 25 de novembro, para coñecer a reforma e a historia do edificio. Faranse cada tarde en quendas de 17, 18 e 19 horas con grupos de 15 a 20 persoas cada un. As persoas interesadas en apuntarse a estas visitas poderán facelo a través da páxina web municipal pontevedra.gal a partir das 12.00 horas do luns, 11 de novembro.

Ademais, o luns 18 de novembro celebrarase o primeiro pleno ordinario do Concello de Pontevedra na Casa Consistorial, abandonando definitivamente o Teatro Principal a onde se trasladaran hai uns 25 anos.

Compartir publicación: