Search
Close this search box.

Todo listo para que o vindeiro mércores arranque Pontedetapas 2024 na que compiten 39 elaboracións presentadas

Os clientes que consuman as tapas e cócteles a concurso escollerán a Tapa Pontevedra e un xurado profesional outorgará os premios do xurado entre os 29 establecementos participantes. 19 tapas tradicionais, 10 tapas creativas e 10 cócteles competirán no certame que se desenvolverá até o mércores 27 de novembro. 

Un total de 29 establecementos participarán desde o mércores 13 ata o mércores 27 de novembro nunha nova edición de Pontedetapas, organizado pola Concellaría de Promoción económica que xestiona Anabel Gulías. Trátase dun evento referente da gastronomía local que procura contribuír á desestacionalización do sector turístico e potenciar o turismo de proximidade.

Este ano competirán no certame 19 tapas tradicionais, 10 tapas creativas e 10 cócteles. Serán en total quince días nos que degustar o mellor da gastronomía local en pequenos bocados a catro euros por tapa e seis euros por cóctel.

A votación popular será a responsable de decidir a Tapa Pontevedra. O gañador deste premio representará á cidade de Pontevedra no certame De Tapas por Galicia, promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes urbes galegas. 

O gañador da Tapa Pontevedra tamén terá como premio presentar a súa creación na edición do vindeiro ano da feira do gourmet galego Etiqueta Negra, promovida polo Concello de Pontevedra.

A súa vez, un xurado profesional probará de incógnito as propostas e escollerá os premios do xurado á mellor tapa creativa, á mellor tapa tradicional e ao mellor cóctel. 

Pontedetapas conta coa colaboración de Hijos de Rivera e outorgará un premio á mellor maridaxe con caña de Estrella Galicia. O premio para o hosteleiro gañador consistirá no valor do seu peso en produtos HdR, máis a realización dun showcooking nun evento gastronómico organizado pola cervexeira. Para o público consistirá nunha cea para dúas persoas valorada en 60 € no local gañador desta categoría.

Premios para o público

O público así mesmo terá o seu premio. A razón dun único voto por tapa ou cóctel, os clientes poderán votar a través dun cupón de votación, en formato papel, que terán que depositar nas urnas de cada local, ou a través da app propia Pontedetapas. Hai en xogo dous premios de 500 euros para gastar nos locais participantes en Pontedetapas. Un premio desenvolverase por extracción ao azar dun cupón en formato papel de entre a totalidade dos recibidos. O outro premio sortearase entre os clientes que voten a través da app Pontedetapas.

Finalmente, volverase a editar o Pasaporte Pontedetapas que garante un regalo seguro consistente nunha cea para dúas persoas valorada en 60 euros, a escoller entre todos os establecementos do concurso. Optarán a el os dez primeiros consumidores que o presenten selado por todos os locais participantes na oficina municipal de Turismo (na praza de España) antes do día 6 de decembro de 2024.

Compartir publicación: