O Concello de Pontevedra enviará equipos profesionais de bombeiros para axudar na catástrofe ambiental da provincia de Valencia. A concelleira de Seguridade cidadá, Eva Vilaverde informou esta mañá de que se está a preparar un equipo de catro bombeiros para trasladalos á zona destruída pola DANA, xunto a vehículos e material de emerxencia e rescate.
Explicou que o Concello de Pontevedra se puxo a disposición dende o primeiro momento “por vías oficiais e para que a axuda fose coordinada e puidese ter a maior utilidade”. O interlocutor foi a Federación valenciana de Municipios e Provincias aos que se dirixiu á concelleira “para preguntarlles cales eran as necesidades, cando as precisaban e cal era a vía de poñelas alí, como debíamos facelo. Dende a fin de semana nos dixeron que pararamos na recollida de alimentos e materiais de primeira necesidade porque non tiñan capacidade para xestionar o que se lles estaba enviando”, explicou Eva Vilaverde, pero si solicitaban axudas de profesionais de emerxencias.
No ámbito de Galicia é o 112 quen está a coordinar o envío destes equipos que teñen que ser autosuficientes. Pontevedra pon a disposición a catro bombeiros que se trasladarán nas vindeiras horas a Valencia e que se desprazarán co novo camión forestal e outros materiais como bombas de achique. Está prevista que a estancia deste primeiro dispositivo sexa de sete días e de ser necesario faríase unha remuda con outra dotación de catro que se trasladaría ao lugar en coche. (Os equipos municipais de emerxencia quedarían no lugar).
Pontevedra tamén pode poñer a disposición un equipo de Protección Civil se fose necesaria a súa presenza sobre o terreo. Este equipo tamén iría dotado de material de emerxencia e rescate.
A concelleira insistiu “no apoio, solidariedade e cariño coas persoas e concellos afectados por esta catástrofe. Creo que neste momento é do que temos que ter máis coidado delas e, polo tanto, na medida das nosas posibilidades, que sintan o noso apoio tamén”.