Continúan as actividades previas dos Premios Feroz 2025, cuxa gala se celebrará o próximo 25 de xaneiro no Pazo da Cultura.
Na mesa de debate será ás 12.00 horas e participará a directora Sonia Méndez e as produtoras Chelo Loureiro e Sara Horta.
A proxección comezará ás 18.30 horas e o coloquio posterior correrá a cargo de Paula Serna.
As dúas propostas serán na facultade de Comunicación.
A programación previa á celebración da gala dos Premios Feroz continúa a súa andaina este novembro en Pontevedra. Nesta ocasión, o debate sobre da perspectiva de xénero no cinema centrará a maior parte das propostas culturais. Este mércores, 6 de novembro o programa Feroz é dobre, pola mañá haberá unha mesa de debate, e pola tarde proxección de cinema.
A partir das 12.00 horas a Facultade de Comunicación acollerá unha mesa de debate organizada en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) na que estarán presentes Sonia Méndez (directora de As Neves e socia de Cósmica), Chelo Loureiro (de Abano Producións) e Sara Horta (produtora en Indígena Films).
Elas abordarán a visión das directoras e produtoras no escenario baixo o título « Mulleres que contan ». A moderadora será Uxía Caride, xerente de AGAPI. A entrada é de balde.
Pola tarde, Feroz retoma as proxeccións de cinema achegando ao público clásicos modernos do cine español dentro dun ciclo especial con perspectiva feminista. Analizaranse algúns títulos poñendo sobre a mesa os roles dos personaxes femininos, as historias, certos aspectos formais… elementos que teñen contribuído a que as películas constrúan o imaxinario sobre o que se sustenta a sociedade heteropatriarcal actual, independentemente da súa calidade cinematográfica.
A proxección prevista para o mércores será Lucía y el sexo (Julio Medem, 2001) que comezará ás 18.30 horas na facultade de Comunicación. Ao seu remate, Paula Serna do Observatorio da Diversidade en Medios Audiovisuais (ODA) abordará a presenza feminina na película.
Ao igual que no mes de outubro, a entrada ás proxeccións é de balde pero hai que retiralas na Oficina de Turismo da cidade, situada na praza de España. Pódense coller sete días antes de cada proxección até máximo de 4 localidades por persoa. Aqueles convites que non se entreguen repartiranse cinco minutos antes do inicio da proxección na facultade de Comunicación.
Os Premios Feroz
Os Premios Feroz 2025, que destacan o mellor da produción audiovisual española do ano para a prensa especializada, están patrocinados polo Concello de Pontevedra así como por Legado Ibérico, marca premium do Pozo Alimentación e líder no sector do ibérico. Ademais, contan coa colaboración de Audi —Vehículo Oficial— e co financiamento do Goberno de España – Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura.
A Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) é un grupo plural de máis de 250 xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cinema en televisión, radio, prensa e Internet de todo o país. Desde 2014 entregan os PREMIOS FEROZ® para destacar o mellor da produción audiovisual española do ano. Ademais dos galardóns anuais, a asociación outorga o Premio Feroz Zinemaldia no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Premio Feroz Puerta Oscura no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove á mellor curtametraxe no seo do festival do mesmo nome. A AICE tamén organiza o festival Lo que viene, o campus de cinema e series La Inmortal en Zaragoza e o programa de formación en xornalismo de cinema e series María Luz Morais.