O alcalde visitou esta mañá os traballos acompañado de Xaquín Moreda e dos técnicos municipais que xa estudan desviar as augas pluviais que proceden de Monte Porreiro, xa que foron as que causaron o derrube do noiro.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá as obras de reposición do noiro que caeu sobre a senda do Lérez e que soporta a estrada cara a estación de bombeo en Monte Porreiro. Estivo acompañado do concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, responsable do proxecto así como dos funcionarios da oficina técnica que dirixen os traballos e da empresa construtora, E.C.Casas.
Trátase dunha actuación de emerxencia na que o Concello xa está a traballar dende hai unhas semanas. Primeiro estudou o estado do noiro dende o punto de vista xeotécnico e agora acomete a obra coa instalación de grandes muros de pedra de contención.
Fernández Lores comprobou como se «están levantando muros para protexer o noiro e deixalo con seguridade », co propósito de poder abrir a estrada e a senda do Lérez canto antes.
Tamén adiantou que o equipo técnico municipal está a estudar a redistribución das augas pluviais que baixan de Monte Porreiro cara esa estrada xa que « foron as que provocaron ese desmonte bestial ».
« Están traballando a bo ritmo e hai unha previsión de gasto máis de 400.000 euros para deixar planchada esta zona e que non se produza ningún tipo de derrubamento aínda que veñan outros temporais », concluíu o alcalde.