Search
Close this search box.

Arranca a rehabilitación do antigo edificio do Conservatorio para transformalo en Centro internacional de creatividade

As primeiras actuacións foron o baleirado do inmoble e a colocación dun guindastre na rúa Alfonso XIII para poder traballar en todos os andares do edificio.

O proxecto está cofinanciado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana a través do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP) para a rehabilitación de edificios de titularidade pública.

O Concello de Pontevedra iniciou nestas semanas a reforma do edificio municipal do antigo conservatorio de música, na rúa Alfonso XIII, para transformalo en Centro internacional de creatividade. Arrancou coa instalación dun guindastre na rúa e o baleirado de todo o inmoble. A instalación do guindastre é necesario para poder traballar en todo o edificio dada a súa altura. Ademais, este guindastre obriga ao peche da rúa Alfonso XIII, polo que se garante o acceso a garaxes tanto dende a rúa Echegaray como dende a rotonda de Concepción Arenal.

O proxecto está cofinanciado polas axudas á rehabilitación de edificios de titularidade pública, incluídas dentro do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP), xestionadas polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

A empresa adxudicataria Gómez Crespo está a realizar a rehabilitación que ten un custe de .536.196,58 euros (ive engadido). Ten un prazo de execución de 6 meses e ten un prazo de garantía de dous anos. A empresa ofertou todas as melloras incluídas no prego (valoradas en 65.180,88 euros) que consisten na mellora dos equipamentos das plantas soto, baixa e sexta, a mellora acústica e da ventilación.

O edificio ten unha superficie construída de máis de 1.700 metros cadrados. O soto pasará a ser unha sala de audiovisuais e albergará a sede do Seminario Permanente de Jazz (SPJ), namentres que a planta baixa pasará a ser un espazo de “testeo” e proba para iniciativas culturais de diversa índole.

As dúas primeiras plantas habilitaranse para instalar unha aceleradora de economía social na que emprendedores creativos poidan dar os seus primeiros pasos impulsando os seus propios proxectos. 

Os andares terceiro, cuarto e quinto serán espazos para desenvolver obradoiros que, nun principio, poderán estar relacionados coa carpintería, a cerámica, o deseño industrial ou os materiais téxtiles, aínda que o seu destino definitivo está por pechar.

O inmoble tamén albergará unha residencia para creadores no sexto andar, onde artistas convidados poidan impulsar proxectos temporais que ofrezan algún tipo de contraprestación á cidade de Pontevedra. O baixo cuberta tamén contará con este uso, a maiores dunha terraza ao aire libre pensada para acoller todo tipo de presentacións e actos culturais.

O Concello quere que este edificio sexa un laboratorio da creatividade conxugando a mellora estética coa eficiencia enerxética do edificio, ao tempo que se mantén a estrutura orixinal.

Compartir publicación: