Esta tarde tivo lugar un encontro co profesorado dos equipos de Normalización dos diferentes centros da cidade para facer chegar a numerosa programación e recoller as propostas que poidan xurdir na xuntanza.
As actividades xeráis supoñen a oferta máis ampla e comprenden desde as incluídas en programas como Enreguéifate, Alingua, ‘Bótalle un conto’ ou ‘Chamámonos así’ a camiñadas por Pontevedra arredor da historia da lingua, exposicións, etc.
O alumnado de infantil e primaria é destinatario tamén doutras propostas como o Consello da Infancia que celebrará este sábado unha reunión no Gorgullón ou Pontenciencia, (ambos pertencentes a área de Educación) ‘Cambiando o conto’, obradoiros micolóxicos ou o as pertencentes ao programa Apego.
Youtubeiras+, o Club de Debate, ‘Ben veñas, maio’ e diferentes charlas sobre temas de sociolingüística, son as iniciativas para levar a cabo cos centros de ESO, Bacharelato e ciclos formativos.
O edil Demetrio Gómez manterá esta tarde da man do servizo de Normalización Lingüística, unha xuntanza co profesorado responsable deste departamento dentro dos centros de ensino de Pontevedra e parroquias.
O obxectivo da xuntanza é presentar a oferta de actividades dispoñibles durante o curso 2024-1025 para o alumnado, tendo en conta as idades do mesmo. Así, haberá propostas comúns como os obradoiros e outras actividades do programa Enreguéifate ou Alingua, as exposicións que achegan figuras literarias ou música en galego, as camiñadas urbanas arredor da historia da lingua e outras, específicas.
No caso da rapazada de infantil a primaria á anterior programación, sumaríanse iniciativas como as que chegan da man da concellaría de Educación: Pontenciencia e o Consello da Infancia, que pretende recoller as achegas da cativada en reunións como a que terá lugar este sábado 26 no Gorgullón entre ás 11.30h. e as 13h. e á que asistirá alumnado de 12 centros de Pontevedra e parroquias. Nas actividades ofertadas para esta franxa de idade, están tamén os obradoiros sobre micoloxía – con parte teórica, saída ao campo e montaxe de exposición – e ‘Cambiando o conto. Carapuchiña vemella’ que mediante a narración oral procura a reflexión sobre os roles de xénero. Para facilitar a socialización en galego dos máis pequenos e pequeñas, existen recursos como os que recolle o web de Apego e outras como Orella Pendella ou Fabaloba.
Por último, entre as propostas destinadas a alumnado de ESO, Bacharelato ou FP atopamos as conferencias impartidas por membros da Mesa para a Normalización Lingüística sobre diferentes temas de sociolingüística (a historia da lingua, os dereitos lingüísticos, o galego no ensino, nos videoxogos ou na creación de contido, etc.) e as levadas a cabo dentro de iniciativas como o Club de Debate, o ‘Ben veñas, maio’ ou as que veñen da man de Youtubeiras+.
A finalidade común de todas as propostas que a concellaría de Normalización do Concello de Pontevedra quere achegar aos centros é a posta en valor da lingua, o recoñecemento da mesma e da súa historia, literatura, música e toponimia. Dotar de ferramentas para a socialización en galego, que permitan gañar vocabulario e habilidades comunicativas, facilitando así que a rapazada fale, xogue e medre, empregando o galego.