O centro histórico e Estribela contarán con novas axudas para a rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética 

O Concello de Pontevedra vén de convocar as bases reguladoras para estas axudas, que suman un total de 665.323 euros para actuacións nas vivendas privadas. 

Celebrada na mañá do martes, 22 de outubro a Comisión Urbanismo e Ordenación do territorio, o vicepresidente da mes, Xaquín Moreda, deu conta en rolda de prensa dos asuntos tratados durante a súa celebración.

O edil quixo subliñar a posta en marcha dunha nova xeira de axudas á rehabilitación de edificios de uso residencial e vivendas, e para a rexeneración e renovación urbana en determinados barrios ou contornas urbanas, delimitado polo Entorno Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP). Estas subvencións pertencen aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea, que están sendo xestionadas pola Xunta de Galicia logo da distribución realizada entre as comunidades autónomas polo Ministerio de Transporte y Movilidad Sostenible no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado.

«Estamos a falar do que antigamente coñeciamos como ARI, mais agora as axudas chegarán a través de fondos europeos», explicou o concelleiro. «O obxectivo destas liñas de subvencións é a mellora da eficiencia enerxética de edificios».

Trátase dunhas axudas destinadas e aplicadas en exclusiva para o eido privado, e poderán ser solicitadas polos veciños e veciñas que residan no centro histórico da cidade e no barrio de Estribela. Para a primeira área destinaranse 556.957,29 euros e para a segunda, 108.366,17 euros.

«Son unhas cincuenta actuacións no conxunto histórico e 25 no núcleo de Estribela», sinalou, engadindo que as actuacións a realizar deberían estar rematadas antes do mes de xuño do ano 2026. Cómpre sinalar que estas axudas son compatíbeis coas anteriores liñas do ARI. Moreda explicou que as axudas poderán ser solicitadas por vivenda, habendo un total de tres pinzas ou niveis en base á porcentaxe de mellora na eficiencia enerxética.

Compartir publicación: